Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA QUENTA MOTORES CARA ÁS FESTAS CUNHA NOVA EDICIÓN DA SEMANA INFANTIL

O Concello de Cedeira quentará motores no inicio do mes de agosto, cara á celebración das Festas da Patroa, coa Semana Infantil. Tras esta fin de semana na que ten lugar a Festa do Percebe, o festival Discalzos e outros eventos, o luns día 3 de agosto comeza esta cita que cada ano congrega a decenas e nenos e nenas de ata 14 anos para adicar as mañás a divertidos e variados xogos deportivos e tradicionais.

A praza Roxa, ás 11.00h, é o lugar e a hora de encontro para toda a semana, de luns a venres, sen que a cativada precise inscribirse con antelación. Haberá monitores organizando as diferentes actividades, dirixidas a facer do tempo de lecer unha oportunidade para a convivencia e a diversión.

A primeira mañá, a do luns, estará adicada aos xogos atléticos, entre os que estarán as carreiras de velocidade, de resistencia e de relevos. O martes organizaranse “carreiras de humor”, nas que nenos e nenas correrán cun ovo sobre unha culler, con sacos…O mércores é o día de probar as habilidades por equipos e de xogar ás cadeiras. O xoves retarase á xente miuda a buscar un tesouro, e tamén haberá xogos de mesa. Para o venres, o último día, quedará o concurso de castelos na area, para o que os equipos irán á praia da Madalena.

Back to top