CEDEIRA CONCENTRA NA VINDEIRA FIN DE SEMANA A FESTA DO PERCEBE, O FESTIVAL DISCALZOS E OUTRAS ATRACCIÓNS
A Confraría de Pescadores de Cedeira organiza un ano máis co apoio do Concello a súa Festa do Percebe, o evento gastronómico do verán que cada ano reúne a centos de persoas arredor dun manxar sempre moi cotizado, polo sabor e pola dificultade que leva aparellado arrancalo das rochas. Ata o venres non se poderá fixar o prezo da ración, que o ano pasado estivo en 20€, pero o pósito vai encomendarse nestes días a comprar máis de 500 quilos da mellor calidade, co compromiso de vendelo na festa ao prezo máis axustado posible.
A gran carpa que a Confraría de Cedeira instalará no peirao para a XXIII Festa do Percebe abrirá as portas e a billeteira, tanto o sábado como o domingo, de 12.00 a 17.00h. O público poderá degustar percebe -as racións son abundantes, duns 300 gramos-, así como polbo á feira -prepararanse uns 600 quilos e a ración custará 18€, igual que o pasado ano- e empanada a 6€ -neste caso, cada ración terá dous trozos, un de empanada de liscos e outro de empanada de bonito-. Tamén haberá bebidas e pan á venda. O Concello de Cedeira disporá un tren turístico, como en anos anteriores, que funcionará durante todo o horario da festa e realizará viaxes gratuítos desde a praza de Galicia ata o peirao.
Moi preto da Festa do Percebe, na praia de Area Longa, haberá festa acuática o domingo, de 16.30 a 19.00h, con inchables e kayaks a disposición de pequenos e maiores.
Este primeiro fin de semana de agosto chega cun feixe de actividades en Cedeira. O atractivo musical estará no festival Discalzos, que este ano cambia o escenario, da praza da Revolta á de Floreal. É un espazo máis pequeño, que vai acentuar o carácter familiar deste evento musical no que cada ano se xuntan grupos de diferentes estilos e moi bo ambiente. O programa desenvolverase o sábado 1 e o domingo 2 e ofrecerá tanto música como actuacións e xogos para a cativada. Así, a ludoteca Brincadeira desenvolverá xogos para nenos e nenas o sábado a partir das 20.00h e dará paso á actuación dun paiaso, arredor das 20.30h. A Banda de Música Vila de Cedeira, unha formación versátil que inclúe no seu repertorio diferentes clásicos do rock, abrirá o programa de concertos a continuación, ás 21.00h. Ás 23.00h comezará a actuación de Prieto Picado, ás 00.30h tocaralle subir ao escenario a Nito Serrano y Lapurasangre e ás 02.00h tocará Vimbio, o último grupo da noite.
Ao día seguinte, o domingo 2, haberá unha sesión vermú coa actuación do grupo Koi e os grupos locais Roupa Vella e Os Benignos. A sesión comezará ás 13.30 e prolongarase ata que o público e os músicos queiran.
Tamén haberá celebracións patronais en dúas parroquias. Esteiro ten as festas de San Fiz, que comezarán xa este venres cunha sardiñada, a partir das 20.00h, e unha verbena nocturna. O sábado haberá misa solemne, ás 13.30h, e sesión vermú. A actividade nocturna comezará cunha queimada e verbena a partir das 22.30h e para o domingo quedará unha misa solemne, ás 13.45, e sesión vermú. E na Carballa, en Montoxo, conmemorarán ao seu patrón San Ignacio. O sábado haberá misa ás 13.30h, con procesión e posterior actuación da Rondalla Cedeira; sesión vermú e verbena nocturna. O programa pecharase o domingo cunha sesión vermú.
Cómpre apuntar outras citas culturais e de lecer para mañá xoves e o venres. Tal como se informou ata o venres están en funcionamento os tobogáns xigantes na praza da Revolta, en horario de mañá e tarde -de 11.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00h-.
Este xoves 30 de xullo desenvolverase unha visita comentada á escavación do xacemento arqueolóxico do Castro Sarridal. As persoas interesadas teñen que acudir ás 12.30h, sen necesidade de inscrición previa. O equipo de Axa Arqueoloxía, que está a desenvolver actualmente unha nova campaña de escavación, explicará a importancia dos achados.
Está en marcha, por outra banda, o ciclo de cine na rúa organizado no marco dos Orzamentos Participativos deste ano. O martes proxectouse “El 47” e mañá xoves, ás 22.00h na praza da Revolta, pasarase “The Wild Robot”. Ao día seguinte, o venres, chega unha nova cita co ciclo de cine Mestre Mateo. O Auditorio Municipal acollerá ás 21.30h a proxección, neste caso, do documental “Ao son da nova regueifa”, tamén con entrada de balde.
Antes, na tarde do mesmo venres, o Auditorio Municipal de Cedeira será o escenario da presentación do libro “Por que ninguén falou delas?”, escrito por Belén López Cillero e que analiza a traxectoria do “Patronato de protección a la mujer”, unha institución franquista que exerceu a represión sobre mulleres da clase obreira. A autora falará da súa investigación.
No eido deportivo, a praia da Madalena acolle un torneo de fútbol praia. Hai un total de 42 equipos inscritos, 21 de menores -nas categorías sub 15, sub 12 e sub 9- que xa están a disputar partidos estes días pola tarde, e outros 21 nas categorías senior masculino e feminino, que xogarán a partir do venres pola tarde, ata o domingo. A organización, que conta coa colaboración do Concello de Cedeira, prevé repartir 1.700€ en premios.