Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA PROXECTA UN CENTRO DE ADESTRAMENTO ESPECIALIZADO PARA OS CLUBES LOCAIS

O Concello de Cedeira ten en proxecto a construción dun Centro de Adestramento Deportivo Especializado (CADE) que vai situar nunha zona baleira dentro da misma parcela catastral na que xa se ubican o polideportivo e a piscina municipais, así como o campo de fútbol do Beco e as pistas de pádel. O obxectivo é ofrecer espazos con maquinaria específica para o adestramento de diferentes disciplinas e configurar un núcleo de desenvolvemento deportivo para os clubes locais e, máis aló, para o norte de Galicia.

O proxecto ten un orzamento que ascende a preto de 690.000€. O goberno municipal vén de presentalo á convocatoria do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, publicada recentemente pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na que se prevén axudas do 50% para infraestruturas locais. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, confía en que a proposta teña unha valoración positiva dada a repercusión que vai ter para os propios clubes locais e tamén como referencia e recurso para deportistas da zona noroeste de Galicia.

Recorda o rexedor os grandes éxitos que nos últimos anos están a ter os deportistas de Cedeira, en particular os do Club de Remo e o Club Natación Cedeira, en competicións autonómicas, nacionais e internacionais, fronte a entidades e deportistas de cidades e con máis medios, e subliña que o CADE vai dirixido a ofrecer unhas condicións adecuadas ao rendemento que xa están a amosar e facilitar que prosiga dito desenvolvemento.

A memoria valorada do proxecto contempla un inmoble de planta baixa, primeiro piso e baixo cuberta. A pé de rúa estarán o vestíbulo e a zona de recepción, unha primeira zona de adestramento e os aseos e vestiarios adaptados, mentres que a primeira planta albergará outra zona de adestramento, vestiarios, unha sauna e sala de musculación. O baixo cuberta empregarase como almacén. O CADE terá preto de 182 metros cadrados de superficie útil na planta baixa; 196 na primeira planta e 117 no baixo cuberta, e contará con máquinas para o traballo específico que precisan diferentes disciplinas deportivas.

Explica Moreda Gil que o goberno municipal está a tramitar tamén diante de Portos de Galicia a autorización para poder facer na zona portuaria unha nave de 300 metros cadrados. A construción ofrecerá un espazo diágfano no que o Club de Remo poderá gardar as súas embarcacións, coa previsión de que conte no exterior cunha zona cuberta.

O CADE e o futuro almacén de embarcacións de remo, así como a ampliación da piscina municipal que tamén está en proceso (uns 550.000€ de investimento, que se fará a través dun convenio coa Deputación), son actuacións que se van sumar ás xa realizadas polo Concello para mellorar as instalacións para a práctica das diferentes disciplinas, co devezo de facer de Cedeira a localidade coas mellores condicións para o desenvolvemento deportivo da contorna. Entre os investimentos realizados nos últimos anos están o novo pavimento e marcador do Polideportivo (151.000€, a través dun convenio coa Deputación); o céspede artificial do Beco (237.000€); as novas caldeiras para a piscina (85.000€) e o sistema de deshumectación (38.300€); a ampliación do ximnasio (máis de 62.000€) e adquisición de novas máquinas (20.000€); o cerramento e outras obras nas pistas de pádel (máis de 110.000€) e a mellora das canastras e da pista de baloncesto de Floreal (20.000€).

Back to top