O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA O ARRANXO DE 15 CAMIÑOS DE TITULARIDADE MUNICIPAL POR MÁIS DE 285.000€
O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratos do Sector Público o expediente de licitación do proxecto de mellora e acondicionamento de 15 camiños de titularidade municipal. É unha das actuacións que o goberno local vai financiar a través do programa POS+2024 da Diputación, cun orzamento de 285.679,49€ (IVE incluído. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 4 de novembro.
Os 15 camiños municipais suman unha lonxitude de 6,7 quilómetros, e van desde o máis curto de 45 metros de percorrido ata o máis longo, de case 1,7km, con anchos variables, desde os tres ata os 4,5 metros. Son, todos eles, viais da zona rural do municipio que presentan un importante deterioro, en moitos casos acentuado polo paso de camións que realizan traballos forestais. As obras abranguerán a limpeza, a retirada de vexetación, o recheo de fochancas, adecuación do sistema de drenaxe e a posta dunha nova capa de rodadura.
Os camiños aos que afectarán as obras, cos seus números de identificación, son os seguintes: o de Calvario-Ribeira (480), que é o máis longo; Arrasa (388), Condomiñas (332), Bereixo-Piñeiro (275 e 303), Guilliade-Casaldegonce (675 e 690), Sisalde Maior (538), San Miguez de Sisalde (481), Lugar Campo Cruz (227), As Bieiteiras (928), As Filgueiras-O Rego (926), Lugar Torno (959), Purrey-Sedeás (1002) e Liñares-Portovello (898).
As obras terán un prazo de execución de 6 meses.