Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA A OBRA DE RENOVACIÓN DO SISTEMA DE SANEAMENTO DA RÚA MOECHE

O Concello de Cedeira publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación do proxecto de saneamento da rúa Moeche, no casco urbano, co que prevé rematar cos problemas que xurdían ata o de agora en momentos de choivas intensas. A actuación acometerase con financiación do Fondo de Compensación Ambiental -xestionado pola Xunta e dotado co canon que abonan os parques eólicos-. Ten un orzamento de 91.556,67€ (IVE incluído) e un prazo de execución de dous meses.

As empresas teñen de prazo ata o día 2 de xullo para presentar as súas ofertas. O proxecto abrangue a implantación de redes separativas de augas residuais e pluviais na rúa Moeche, xunto coa recollida e conexión de todas as baixantes da auga de choiva, que agora verten directamente ás beirarrúas, e a reposición dos firmes afectados.

A rúa Moeche presenta actualmente unha rede unitaria de sumidoiros, onde se conectan tanto as augas residuais dos edificios continuos como as augas pluviais recollidas por sumidoiros e baixantes existentes. A esta rede conéctase tamén parte da recollida de augas pluviais de rúas perpendiculares, polo que, en épocas de fortes choivas, prodúcense atoamentos e un funcionamento inadecuado do sistema. Parte dos pozos existentes presentan un estado de conservación precario, así como conexións executadas de forma deficiente, coexistindo ademais colectores de formigón antigos con conexións executadas recentemente de PVC e polietileno.

Back to top