O FESTIVAL JAZZ DA RÍA LEVANTARÁ O TELÓN O DÍA DO ECLIPSE EN SAN ANTÓN DE CORVEIRO
A Costa Ártabra volverá converterse este verán en escenario de encontro entre música, territorio e memoria coa celebración da X edición do Festival Jazz de Ría, que terá lugar do 12 ao 16 de agosto de 2026 nos concellos de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño. O espectacular miradoiro de San Antón de Corveiro será o escenario da primeira sesión do festival, o 12 de agosto, coincidindo co día do eclipse solar.
Onte celebrouse no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón a presentación desta décima edición, na que se puxo en valor a traxectoria de Jazz de Ría como proxecto cultural compartido e como elemento dinamizador do territorio da Costa Ártabra. O festival, fiel ao seu carácter itinerante, continuará este verán desenvolvendo unha proposta cultural estreitamente vinculada os espazos naturais e patrimoniais da comarca, entendendo a paisaxe como parte esencial da experiencia artística e reforzando o seu compromiso coa sustentabilidade, a accesibilidade, a participación veciñal e a recuperación da memoria colectiva.
A directora do Jazz de Ría, Aitana Cuétara, estivo acompañada polo saxofonista Ismael Cives e o acordeonista Fran Trashorras, que pecharon a presentación da 10ª edición cun repertorio de melodías da música popular revisitadas desde o jazz que serviron para introducir a identidade sonora desta décima edición, marcada por unha efeméride de enorme relevancia para a historia da música: o centenario do nacemento de Miles Davis, unha das figuras fundamentais do jazz do século XX, conectado dun xeito fascinante e pouco coñecido coa tradición musical galega.
Unha historia sorprendente
O fío condutor do festival será a historia da conexión entre Miles Davis e o chifro dun afiador ourensán, unha relación extraordinaria que demostra como os sons populares poden viaxar a través do tempo e converterse en parte do patrimonio musical universal.
En 1952, o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax percorreu Galicia coa súa gravadora para documentar expresións da tradición oral. En San Miguel do Campo (Ourense) rexistrou a José María Rodríguez, afiador e capador, interpretando co seu chifro unha melodía asociada ao seu oficio: un son cotián co que estes traballadores anunciaban a súa chegada ás vilas.
Anos despois, aquela gravación chegou ata os arquivos musicais e foi reinterpretada por Miles Davis na trompeta ao comezo de The Pan Piper, tema incluído no mítico álbum Sketches of Spain (1960). Así, o son dun oficio popular galego acabou formando parte dunha das obras máis influentes da historia do jazz.
Esta conexión entre a nosa tradición e un dos referentes mundiais da experimentación jazzística será o eixo conceptual dunha edición que reivindica a capacidade da cultura popular para dialogar coa creación contemporánea desde a súa propia autenticidade.
A edición máis internacional do Jazz de Ría
A X edición de Jazz de Ría será ademais a máis internacional da súa historia, cunha programación que reúne músicos procedentes de Cuba, Arxentina, Perú, Palestina, Irlanda e Estados Unidos.
A programación comezará o mércores 12 de agosto en Cedeira, no Miradoiro de San Antón de Corveiro, coa inauguración oficial da décima edición, que coincidirá coa observación da eclipse solar. A celebración comezará cunha sesión do produtor e picadiscos galego DJMIL e rematará cun concerto de Xabier Díaz.
O xoves 13 de agosto, o festival trasladarase á costa acantilada de Valdoviño, onde terá lugar o roteiro Balcóns ao Atlántico, coa intervención de Marina Vigo, Luis Bolón & Sandra Pérez no Castro do Rodo. Pola noite, na Praia do Baleo, actuarán Alejandro e María Laura, formación procedente do Perú.
O venres 14 de agosto, Narón acollerá no Pazo da Cultura o concerto do Ensemble 100xMiles, unha formación galega creada especificamente para conmemorar o centenario do nacemento de Miles Davis.
O sábado 15 de agosto, tamén en Narón, o festival propón unha xornada centrada na memoria e o relato que vertebra esta edición. Pola mañá terá lugar unha visita guiada ao Mosteiro do Couto da man de Quico Cadaval, dedicada á relación entre Miles Davis e o chifro do afiador ourensán José María Rodríguez.
Pola tarde, o Parque do Río Freixeiro acollerá unha xornada de concertos con Sarah Dowling meets Michael Kanan Trio (Palestina/Irlanda – Estados Unidos), Albert Cirera & Tres Tambors e Yosvany Terry Quartet (Cuba).
A clausura chegará o domingo 16 de agosto en Neda, na Ribeira de San Nicolás, ao pé da desembocadura do río Belelle, co concerto do músico arxentino Manu Sija, poñendo o peche a cinco días de música e encontros en distintos espazos da Costa Ártabra.
Con dez anos de traxectoria, o Jazz de Ría continúa apostando por un modelo de festival que entende a cultura como ferramenta de transformación social e territorial, creando pontes entre a música, a natureza e as comunidades que habitan o territorio.
JAZZ DE RÍA 2026. PROGRAMACIÓN.
Mércores 12 de agosto
CEDEIRA. Mirador de San Antón de Corveiro
19.00h – Apertura da X Edición de Jazz de Ría, coincidindo coa observación da eclipse solar. Concerto de Xabier Díaz
Xoves 13 de agosto
VALDOVIÑO. Praia de Pantín
19.00h Ruta ‘Balcóns ao Atlántico’ coa intervención de Marina Vigo & Luis Bolón no Castro do Rodo
21.00h Praia do Baleo
Concerto de Alejandro e María Laura (Perú)
Venres 14 de agosto
NARÓN – Pazo da Cultura
Concerto do Ensemble 100xMiles, formación galega creada especificamente para conmemorar o centenario do nacemento de Miles Davis.
Sábado 15 de agosto
NARÓN
Pola mañá: Visita guiada ao Mosteiro do Couto da man de Quico Cadaval, centrada na relación entre Miles Davis e o chifro do afiador ourensán, José María Rodríguez
19.00h: Parque do Río Freixeiro
Concertos:
Sarah Dowling meets Michael Kanan Trio (Palestina/Irlanda – Estados Unidos)
Albert Cirera & Tres Tambors (España)
Yosvany Terry Quartet (Cuba)
Domingo 16 de agosto
NEDA. Ribeira de San Nicolás – Desembocadura do Río Belelle
Clausura do festival
Concerto Manu Sija (Arxentina)