Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ADHÍRESE Á NOVA REDE DE CONCELLOS CONTRA O ACOSO ESCOLAR

O Concello de Cedeira vén de asinar a súa adhesión á Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, unha iniciativa posta en marcha a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Federación Galega de Municipios e Provincias, e dirixida a crear as canles de colaboración necesarias para intervir ante situacións de acoso e desenvolver accións preventivas para o fomento dunha convivencia de calidade e sen conflitos.

Entre outras cousas, ao abeiro deste convenio, a Consellería de Educación comprométese a promover unha formación integral, colaborativa e conxunta dos profesionais dos sectores de educación, sanidade, servizos sociais e demais ámbitos afíns, así como do persoal dos concellos adheridos cuxa actividade poida estar directamente vinculada á intervención, xestión ou prevención de situacións de acoso. Tamén encargarase a administración autonómica de dotar aos concellos adheridos dun Punto Laranxa, o buzón do que xa dispoñen os centros educativos para denunciar e comunicar de xeito anónimo e seguro as situacións de acoso. A Fegamp asume como principal compromiso a colaboración na difusión das actuacións e a intermediación cos concellos.

Ademais do convenio coa Fegamp, a Xunta anunciou o establecemento dun marco de acordo coa Fiscalía Superior de Galicia e cos corpos e forzas de seguridade do Estado, que tamén cooperarán coa nova rede.

Back to top