Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

NOVE PISOS DE CEDEIRA, NA CONVOCATORIA DE ALUGUER ASEQUIBLE ABERTA POLA SOCIEDADE ESTATAL CASA47

A sociedade estatal Casa47 ten aberta unha convocatoria de aluguer a prezos asequibles que abrangue nove pisos en Cedeira. Son nove vivendas de entre 30 e 73 metros cadrados, de entre unha e dúas habitacións e con un ou dous baños, todas con trasteiro e algunhas tamén con praza de garaxe, cuyos prezos van dos 350 aos 381 euros mensuais. As persoas interesadas teñen ata o vindeiro 10 de setembro para inscribirse e entrar no sorteo que se levará a cabo, diante dun notario, para a súa adxudicación.

Casa47 é o nome que ten actualmente a antiga SEPES (Sociedad Estatal de Promoción y Equipamiento de Suelo). O programa de vivenda de aluguer asequible vai dirixido a persoas e unidades de convivencia con dificultades para acceder ao mercado libre, pero que non cumpren os requisitos para acceder a unha vivenda social -cuxo acceso segue outras canles, a través dos servizos sociais-. Os pisos que están nesta convocatoria forman parte do parque público de vivenda, destínanse ao domicilio habitual e permanente e non están destinadas á venda.

A través da web www.casa47.es pódese acceder á convocatoria vixente de vivenda asequible e seleccionar a oferta para Galicia (formada por 99 vivendas) e a continuación a de Cedeira, identificada co código postal 15555. Aí está o detalle de cada un dos nove pisos, con información sobre superficie, número de habitacións, de baños e se dispón de garaxe ou trastero. Tamén, para cada unha delas, indícase cantas persoas polo tamaño de hogar -de unha a catro- e o rango de ingresos por unidade familiar, que neste caso van dos 16.800 aos 30.480€ anuais.

Pódese consultar de maneira anónima toda a oferta e tamén realizar a solicitude a través da mesma web. Nunha mesma solicitude é posible incluír, por orde de preferencia, varias vivendas. No caso de que a solicitude cumpra cos requisitos -entre outros non ter outra vivenda en propiedade e estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social- entrará no sorteo.

As solicitudes que entren no sorteo serán todas as que cumpran os requisitos: non terán preferencia as que se presenten antes, só se terá en conta que estean rexistradas en prazo, é dicir, ata o 10 de setembro. De non obter o piso no sorteo, as solicitudes entrarán nunha lista de agarda que correrá en caso de renuncias. En caso de resultar adxudicatario/a organizarase unha visita á vivenda, o aporte da documentación e a posterior sinatura do contrato, no seu caso, que conlevará o pago dun mes de fianza e do mes en curso. O contrato establecerase por 14 anos, e posteriormente poderán solicitarse prórrogas de sete anos, ata un máximo de 75.

Back to top