A XUNTA DE GOBERNO DE CEDEIRA ADXUDICA POR PRETO DE 89.000€ A NOVA REDE SEPARATIVA NA RÚA MOECHE
A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira adxudicou por 88.809,97€ (IVE incluído) as obras de mellora do sistema de saneamento da rúa Moeche, no casco urbano. A actuación ten un prazo de execución de dous meses e a previsión do goberno local é que a empresa contratada poida dar comezo canto antes. Trátase dunha intervención necesaria para rematar cos problemas que as canalizacións actuais desta rúa producen en momentos de choivas intensas.
A obra de instalación do novo saneamento conta con financiación do Fondo de Compensación Ambiental, que xestiona a Xunta de Galicia e que se nutre do canon que abonan os parques eólicos. O proxecto abrangue a implantación de redes separativas de augas residuais e pluviais na rúa Moeche, xunto coa recollida e conexión de todas as baixantes da auga de choiva, que agora verten directamente ás beirarrúas, así como a reposición dos firmes afectados.
A rúa Moeche ten actualmente unha rede unitaria de sumidoiros, onde se conectan tanto as augas residuais dos edificios como as augas pluviais recollidas polas baixantes dos mesmos e por sumidoiros. Á mesma rede está conectada tamén parte da recollida de augas pluviais de rúas perpendiculares, polo que, en épocas de fortes choivas, prodúcense atoamentos e un funcionamento inadecuado do sistema.
Parte dos pozos existentes presentan un estado de conservación precario, así como conexións executadas de forma deficiente, coexistindo ademais colectores de formigón antigos con conexións executadas recentemente de PVC e polietileno.