Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

GASTROMAR CEDEIRA

O proxecto denominado como «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi presentado polo Concello de Cedeira o pasado mes de outubro á convocatoria 2023 para as axudas para proxectos ao amparo da estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobada polo GALP A Mariña – Ortegal, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (2021 – 2027). Tras a resolución provisional favorable do propio GALP, o proxecto espera a resolución definitiva da Consellería do Mar.

O Concello de Cedeira ven de xestionar en anos anteriores diferentes proxectos GALP como «PescarturAcción», «Emprendepesca» (proxecto conxunto cos Concellos de Cariño e Valdoviño), «Cedeira Mar», «Cedeira Mariñeira» e «Cedeixura» (proxecto colaborativo coa Confraría de Pescadores de Cedeira).

«GASTROMAR Cedeira» é unha iniciativa para a revalorización do sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Entre estas actividades atópanse: as aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos locais, nas que se traballaran a través de sesións na escola e saídas ao territorio o consumo responsable, o peso económico do sector pesqueiro e a biodiversidade; guiados de rutas para o público xeral, de dificultade baixa e accesibles; exposicións exteriores sobre as xentes do mar, a gastronomía, o coidado e conservación do medio ou o consumo responsable; sesións formativas de cociña mariñeira para profesionais da hostalería local para o aproveitamento do produto e subproduto e a sensibilización sobre a emerxencia climática, e tamén, accións de comunicación para a difusión das actividades do proxecto.

O proxecto «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.

Back to top