GASTROMAR CEDEIRA. ACHEGAR A CULTURA MARIÑEIRA ÓS ESCOLARES DA VILA
A vindeira semana, escolares dos cursos 4º, 5º e 6º do CEIP Nicolás del Río recibirán unha formación teórico práctica sobre o consumo responsable, o peso económico do sector pesqueiro na Vila e a súa diversidade. Estas “Aulas Mariñeiras” complementaranse con varias saídas guiadas, onde as e os rapazas/ces visitarán diversos puntos do concello, incluíndo a Lonxa, descubrindo así de primeira man os traballos que alí se desenvolven.
Entre os principais obxectivos destas actuacións atópanse dar visibilidade ao sector pesqueiro e marisqueiro entre as novas xeracións, poñer en valor o produto local mediante o fomento do seu consumo, e da importancia á profesionalización do sector, incentivando así o relevo xeracional.
«GASTROMAR Cedeira» é unha iniciativa para a revalorización do sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Deste xeito, entre estas actuacións, ademais destas aulas mariñeiras, realizaranse guiados de rutas para o público xeral, de dificultade baixa e accesible, exposicións exteriores sobre as xentes do mar, a gastronomía, o coidado e conservación do medio ou o consumo responsable; sesións formativas de cociña mariñeira, dirixidas a profesionais da hostalería local, para o aproveitamento do produto e subproduto e a sensibilización sobre a emerxencia climática.
O proxecto «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi impulsado polo Concello de Cedeira coa financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.