CULMINAN AS OBRAS DE INTEGRACIÓN PAISAXÍSTICA NOS XARDÍNS DO PALACETE MUNICIPAL DE CEDEIRA
O goberno local de Cedeira informa do remate das obras de mellora e integración paisaxística dos xardíns do Palacete, o edificio municipal que alberga a Oficina de Turismo e a exposición permanente da Colección Rafael Usero. O Concello investiu preto de 45.000€ nesta actuación, coa que se configurou un renovado e agradable espazo público con novo céspede, arbustos e árbores. Para financiar a obra xestionáronse unhas axudas do Fondo de Compensación Ambiental.
A finca arredor do Palacete, dentro do peche de media altura que rodea o recinto, suma unha superficie de 927 metros cadrados. A obra abrangueu a instalación dun sistema de rego e a colocación dunha malla antiherbas e corteza de pino, así como a colocación de tepe en parte dos xardíns e un bordillo de adoquín de cemento para separar o linde entre macizos e céspede.
A actuación respetou e conservou aqueles árbores que estaban en bo estado. Había moito tempo que se perderan os buxos que antigamente ocupaban gran parte deste espazo, pese aos esforzos do persoal municipal por salvalos.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que esta intervención supón abrir un novo espazo para que a cidadanía, e tamén os turistas que acoden ao Palacete na procura de información, gocen dunha zona tranquila e coidada.