COIDAMOS CEDEIRA. FOMENTO DA SENSIBILIZACIÓN E INVESTIGACIÓN MEDIOAMBIENTAL
A posta en valor do medio natural litoral de Cedeira e o fomento do seu coidado son os principais obxectivos deste proxecto promovido polo concello de Cedeira, dentro das axudas concedidas polo GALP A Mariña – Ortegal.
“Coidamos Cedeira” é un proxecto centrado na conservación dos recursos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas, así como na mellora da calidade ambiental da zona costeira, a través dunha serie de accións que se levarán a cabo entre os anos 2024 e 2026.
A iniciativa recolle a execución de actividades de divulgación e sensibilización, de promoción, e accións para o fomento da investigación e a conservación, dirixidas a diferentes públicos: escolares, estudantes, investigadores universitarios, poboación local, etc
A través destas actuacións se traballa na posta en valor do litoral de Cedeira, así como do territorio da Mariña-Ortegal, desde o punto de vista medioambiental e da concienciación de distintos públicos para promover un uso sostible dos recursos naturais, resaltando a riqueza eco sistémica da ría de Cedeira, de cara a garantir o futuro da actividade pesqueira e marisqueira no litoral.
Algunhas das principais actuacións que recolle o proxecto son a creación da imaxe gráfica do mesmo, deseño e execución de obradoiros, complementado coa produción de material didáctico para escolares da vila, a posta en marcha dun certame escolar de concienciación ambiental e o desenvolvemento dunha Xornada “Sostibilidade a toda Costa”, sobre o medio ambiente mariño e litoral do municipio de Cedeira.
Deste xeito, o proxecto “Coidamos Cedeira” persigue o coidado do litoral e a protección do seu medio natural e recursos asociados a través de diferentes actuacións de divulgación e sensibilización, así como de fomento da investigación e a conservación, dirixidas a distintos públicos: estudantes, profesionais do sector, investigadores e público xeral.
Este proxecto foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.