CINE, TEATRO E ACTIVIDADES SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO, NA AXENDA DESTA FIN DE SEMANA EN CEDEIRA
Cine, teatro e os actos conmemorativos do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres conforman a axenda desta fin de semana en Cedeira. Conclúen o ciclo Mestre Mateo co pase do documental “Onde máis doe” e remata tamén o programa de teatro afeccionado Fusa Guillén coa representación da compañía Axóuxere.
O Auditorio acollerá mañá sábado, ás 20.00h, a proxección de “Onde máis doe”, unha cinta que foi finalista na categoría de documental no certame do cine galego e que encaixa á perfección coa reflexión que se quere promover no 25N. Manane Rodríguez dirixe a película, na que un home asesina ao seu fillo despois de ameazar durante anos a súa ex parella. Ao igual que nas anteriores citas do ciclo, a entrada será gratuíta.
Tamén mañá terán lugar o programa organizado polo Concello de Cedeira con motivo do 25N. O acto institucional será ás 19.00h no Auditorio e consistirá na lectura dun manifesto e de fragmentos do libro “Comezar desde cero” de Tania Merelas, que recompila as voces de mulleres en proceso de recuperación despois de ser vítimas de violencia machista. Un “minuto de ruído” rematará con este acto.
O Centro de Ocio Xuvenil proxectará mañá ás 17.30h, para rapaces e rapazas de 12 a 18 anos, a curta “Violencia invisible”, de María Giséle Royo, na que se abordan as situacións de violencia psicolóxica de xénero. A continuación haberá unha merenda-coloquio na que participará o equipo Faro da Igualdade do IES Punta Candieira.
Xa o domingo chegará a última representación do ciclo de teatro afeccionado Fusa Guillén. A compañía de Oleiros Axóuxere Teatro representará “Facendo as Partixas”. A acción sitúase nos anos 80, cando o país esperta á democracia. Dúas irmás xúntanse, tras vinte anos sen verse, para repartir a herdanza familiar. Ana, a menor e progresista, fuxiu con 17 e estivo desconectada da familia mentres Laura, a maior e conservadora, quedou a coidar dos seus pais ao tempo que sacaba adiante á súa propia familia. Durante este reencontro, lembran o pasado, xurden as pantasmas e os reproches… pero descubrirán que teñen mais cousas en común das que crían. A reconciliación entre ambas, e cada unha consigo mesma, converterase nos alicerces dun esperanzador futuro. Esta obra está especialmente dirixida a quen poida lembrar ou teña referenzas dunha época sen teléfonos móbiles, onde as nenas xogaban con bonecas “Mariquita Pérez”.