AS LENTES QUE CURAN, AS ALERTAS POR INUNDACIÓNS E O LOBO, NO CICLO CEDECIENCIA
O ciclo de charlas divulgativas sobre ciencia e cultura Cedeciencia volve na súa edición de verán cun programa que se desenvolverá en dúas sesións: este venres e o vindeiro 7 de agosto.
A programación comezará no Museo Mares de Cedeira o 17 de xullo ás sete da tarde, con dúas conferencias. María Vivero, investigadora do Instituto de investigación Sanitaria de Santiago en Biomateriais e Sistemas Avanzados de Liberación de Fármacos para Aplicacións Oftálmicas, falará sobre “O futuro nun pestanexo: lentes que curan”. Pola súa banda, Esteban Sañudo, investigador do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil da Universidade da Coruña
tocará un tema de actualidade recorrente como é “A ciencia detrás das alertas por inundación”.
O programa retomarase o venres 7 de agosto no bar O Mástil, neste caso a partir das 19:30 e cunha xornada centrada no lobo. Miguel Hevia, especialista en ecoturismo, é un experto no rastreo da fauna, e dentro do ciclo Cedeciencia abordará a presenza deste mamífero na serra da Capelada. Clàudia Fontserà, doutora en Xenómica Comparativa polo Instituto de Bioloxía Evolutiva, tratará, precisamente, sobre os sinais xenómicos que mostran a recuperación do lobo neste hábitat.
Como é habitual, as charlas teñen unha duración breve e son accesibles para o público en xeral que ten tamén a oportunidade de formular as súas preguntas.
O ciclo Cedeciencia botou a andar no ano 2024 como unha iniciativa de catro veciños da vila: Sergio Muíño, doutor en Turismo; David Vilela, doutor en Enxeñería; Sara Abuín, psicóloga, e Juan Rodríguez, biólogo. O Concello de Cedeira colabora nesta proposta que, ademais de divulgar a ciencia, ten como obxectivo poñer en valor o traballo e talento de persoas vinculadas á vila.