Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ARRANCA O FESTIVAL “DESDE A NADA”, CON ESPECTÁCULOS, ENCONTROS E OBRADOIROS ARREDOR DAS ARTES ESCÉNICAS

Cedeira abre hoxe venres a primeira edición do Festival Internacional “Dende a nada”, unha aposta do Concello por facer da localidade un espazo fecundo de exhibición e creación no eido das artes escénicas. Espectáculos teatrais, obradoiros e encontros forman parte dun programa que nace con vocación de continuidade e que quere ofrecer ao público a oportunidade de participar das expresións artísticas, máis alá da mera observación desde a butaca, e adentrarse en diferentes aspectos do proceso creativo da man de artistas cunha longa experiencia.

O festival bota a andar esta fin de semana cun espectáculo, un obradoiro e dous encontros, porén o programa continuará ata o 27 de outubro cun calendario de actividades que abrangue outras dúas funcións, catro talleres e tres encontros máis. O Auditorio Municipal acollerá hoxe, día 18, ás 21.00h, a actuación da compañía de Eva Comesaña coa proposta “Perder a lingua”, na que danza, música e videocreación mestúranse para falar do proceso de construción dunha lingua, da ausencia á pertenza.

O sábado e o domingo desenvolverase o obradoiro “Creación de espectáculos a través de experiencias persoais”, baixo a dirección do director, escritor e actor inglés Jamie Bradley, que estará tamén o sábado no primeiro encontro, arredor de todo o que supón a creación e produción dun espectáculo, no Auditorio ás 19.00h. Este domingo terá lugar tamén no Auditorio, igualmente ás 19.00h, o segundo encontro, que xirará arredor do valor das artes escénicas como ferramenta de transformación social.

No primeiro encontro participarán, xunto con Jamie Bradley, Santiago Cortegoso (dramaturgo e fundador da compañía Ibuprofeno teatro) e José Díaz (parte fundamental da extinta compañía Voadora e xestor cultural). No segundo, o domingo, estarán Nacho Fungueiriño para falar, entre outros proxectos, de Pallasos en Rebeldía e Andrea Haase co seu proxecto de teatro social.

Os encontros son de entrada libre, porén é preciso inscribirse nos obradoiros -os prezos oscilan entre os 4 e os 12€- e reservar entradas para os espectáculos, cuxo prezo é de 2,5€. Pode facerse xa a través do mail enrique.vazquez@cedeira.gal ou ben chamando ao 649 876 614.

“Desde a nada” vén enriquecer á singular programación cultural de Cedeira, construída a través da acción do goberno municipal e tamén das iniciativas do propio tecido asociativo da localidade.

O Samaín ou a Ópera Studio son exemplos desta animada vida cultural, apuntalada pola programación do Concello, na que destaca o esforzo por traer á vila actividades como o ciclo Mestre Mateo de cine, o festival Jazz na Ría ou a estadía do Centro Dramático Galego, eventos que xiran só por unha escolla de municipios.

Descarga Dosier

 

Back to top