Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ALUMNADO DO IES PUNTA CANDIEIRA EMBÁRCASE NO PROCESO DOS NOVOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

O alumnado de terceiro da ESO do IES Punta Candieira está traballando xa nun novo proceso de Orzamentos Participativos, no que estudarán e finalmente decidirán o destino de 20.000€ dos presupostos municipais. O Concello de Cedeira impulsa por quinto ano consecutivo esta iniciativa, que na práctica é unha escola de democracia e políticas públicas pola que pasan os rapaces e rapazas do municipio ao chegar aos 14 ou 15 anos.

O proceso comeza pola formación e a reflexión. O grupo de 53 mozos e mozas que están este ano implicados nos Orzamentos Participativos participaron xa nas primeiras sesións dun obradoiro sobre o sistema político e institucional, a división de poderes e a democracia local, no que aprenden sobre o sistema electoral D’Hont, sobre a representación, os órganos do concello e o reparto de responsabilidades.

Tamén participarán noutros dous obradoiros sobre as técnicas de investigación social para a diagnose do territorio -enquisas, entrevistas, mapeos colectivos, análise DAFO…- e a redacción e defensa de propostas -obxectivos, actividades, impacto, custes, etc-. Esta fase de formación prolongarase ata o vindeiro mes de febreiro, para dar paso despois ao traballo de preparación de propostas.

O propio alumnado investigará as necesidades do territorio para elaborar propostas ben fundamentadas, que defenderán ante a asemblea, despois de que o persoal técnico municipal teña analizado e validado a súa viabilidade. As propostas, ademais, irán detalladas e orzamentadas, para poder escoller as máis interesantes ate acadar a contía máxima dos 20.000 € destinados ao debate. Entre os proxectos votarase aquel ou aqueles que irán ao pleno do Concello de Cedeira, onde tamén os seus artífices encargaranse de explicalos, para dar paso á aprobación e execución.

As anteriores edicións dos Orzamentos Participativos de Cedeira deron lugar a un parque de calistenia e sesións de autocine (ano 2021), melloras no parque do Floreal para actividade deportiva (2022), adquisición de material deportivo para o ximnasio municipal (2023) e o festival para a mocidade “Cedeira Fest”, que deu inicio o pasado verán e que todavía está en execución, con actividades moi diferentes de lecer como Escape Room, danza contemporánea na rúa ou sesións DJ.

Back to top