A XUNTA REALIZARÁ OBRAS NO CEIP NICOLÁS DO RÍO, AS MÁIS URXENTES ANTES DO INICIO DO VINDEIRO CURSO
O goberno local de Cedeira quere expresar a súa satisfacción pola decisión da Xunta de Galicia de asumir o arranxo das eivas que ten o CEIP Nicolás do Río, tal como se puxo de manifesto esta mañá nunha visita realizada ao centro por técnicos da Consellería de Educación. A administración autonómica ten intención de reparar antes do comezo do curso as cornixas do patio, que rematou o pasado curso parcialmente pechado por risco de caída de cascotes, e tamén as eivas máis urxentes no edificio do Areal, e ir acometendo máis adiante e en función da dispoñibilidade económica outras obras de reparación.
O concelleiro de Educación, Noel López, recordou que o Concello denunciou xa a comezos de ano os problemas das instalacións escolares, que ten máis de 50 anos de antigüidade, e que en anteriores visitas os técnicos da Consellería referiran limitacións orzamentarias para non acometer os arranxos, mentres que o grupo do PP local aseguraba que estas obras son competencia do Concello. O edil aludiu tamén ao papel da ANPA do colexio nesta reclamación, dado que ten recompilado sinaturas esixindo os arranxos.
A Consellería de Educación vai acometer de inmediato os traballos máis urxentes para que estean listos antes do comezo de curso. Xunto co perigo que presentan as cornixas do patio de area do colexio, no pasado inverno presentáronse pingueiras en aulas e corredores, así como humidades nas ventas, tanto no edificio principal como no do Areal. Tamén aparecen as goteiras no pavillón deportivo cando chove moito, quedando inutilizado a miudo.