A ANPA O BECO PROMOVE CO APOIO DO UN CURSO DE ATENCIÓN SOCIOSANITARIA A DEPENDENTES
O IES Punta Candieira acollerá a partir do 24 deste mes, e ata o 16 de xullo, un curso de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” dirixido a persoas interesadas en traballar en dito ámbito. A Asociación de Pais e Nais de Alumnos O Beco conta co apoio do Concello de Cedeira para organizar o programa, que constará dun total de 450 horas formativas e que ofrecerá unha cualificación moi importante para facilitarlle, ao alumnado, a súa incorporación ao mundo laboral.
As clases impartiranse de luns a venres, de 16.00 a 21.00h, e as prazas son limitadas. Un total de 80 horas das 450 das que consta o curso serán prácticas. As persoas interesadas deberán dirixirse á ANPA O Beco, a través do mail anpaobeco@gmail.com para inscribirse ou obter máis información. Desde o Concello destacan o interese desta iniciativa formativa, que pode representar o acceso a un posto de traballo nun sector cunha demanda crecente. A formación facilitará ao alumnado unha titulación profesional de nivel dous.
Por outra banda, tamén no IES Punta Candieira vai impartirse proximamente un curso gratuíto de “Soldadura por arco baixo gas protector con electrodo consumible, soldeo MIG/MAG” que está dirixido prioritariamente a persoas desempregadas. As persoas interesadas deberán dirixir un mail ao ies.puntacandieira@edu.xunta.es.
Para participar no curso de soldadura é preciso ter a ESO ou equivalente, e as persoas participantes obterán un certificado profesional de nivel un.