MOREDA GIL PARTICIPOU NA REUNIÓN DA REDE ESPAÑOLA DE XEOPARQUES QUE TIVO LUGAR EN CATALUÑA
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, participou estes días nas X Xornadas Abertas da Rede Española de Xeoparques, que se celebrou na abadía de Montserrat, en Cataluña, e que se fixo coincidir cunha reunión de traballo interno de dita entidade. O rexedor local viaxou en representación do Xeoparque Cabo Ortegal acompañado do director científico e o xerente do mesmo, Fran Canosa e Alonso Pumar.
O evento reuniu a representantes de 19 xeoparques de nove comunidades autónomas, co Geoparc de la Catalunya Central como anfitrión. Serviu para traballar, nas reunións internas, na preparación de próximas citas entre as que está a feira Fitur, así como na preparación de novos grupos de actividade e a preparación dunha nova revista da rede, entre outras cuestións. En canto ás xornadas abertas, ás que acudiu numeroso público, estiveron adicadas a analizar e reflexionar sobre a importancia da educación como eixo da sostenibilidade.