A XXIII FESTA DO PERCEBE DE CEDEIRA PREVÉ DESPACHAR HOXE E MAÑÁ UNS 600 QUILOS EN RACIÓNS A 20€
A Confraría de Pescadores de Cedeira pechou onte a compra darredor de 600 quilos de percebes para servir na festa de exaltación deste prezado crustáceo que se celebra hoxe e pasado baixo a carpa instalada no porto. As racións, duns 300 gramos, terán un prezo de 20€, igual que o ano pasado. Tamén haberá polbo á feira e empanadas de liscos e bonito,
así como bebidas e pan, e as billeteiras estarán abertas de 12.00 a 17.00h tanto o sábado como o domingo.
Durante a celebración da festa gastronómica funcionará un tren turístico que realizará constantes viaxes desde a praza de Galicia ata o peirao. Como en anos anteriores, e favorecida polo bo tempo, espérase unha grande afluencia de público, que de seguro darán boa conta de todas as viandas. Xunto cos percebes, tamén se mantén o prezo do ano pasado para as racións
de polbo á feira, que custarán 18€, e para as racións de empanada -cada unha cun trozo da de liscos e outro da de bonita- a 6€.
Moi preto da Festa do Percebe, na praia de Area Longa, haberá festa acuática o domingo, de 16.30 a 19.00h, con inchables e kayaks a disposición de pequenos e maiores.
Este primeiro fin de semana de agosto chega cun feixe de actividades en Cedeira. O atractivo musical estará no festival Discalzos, que este ano cambia o escenario, da praza da Revolta á de Floreal. É un espazo máis pequeño, que vai acentuar o carácter familiar deste evento musical no que cada ano se xuntan grupos de diferentes estilos e moi bo ambiente. O programa
desenvolverase o sábado 1 e o domingo 2 e ofrecerá tanto música como actuacións e xogos para a cativada. Así, a ludoteca Brincadeira desenvolverá xogos para nenos e nenas o sábado a partir das 20.00h e dará paso á actuación dun paiaso, arredor das 20.30h. A Banda de Música Vila de Cedeira, unha formación versátil que inclúe no seu repertorio diferentes clásicos do rock, abrirá o programa de concertos a continuación, ás 21.00h. Ás 23.00h comezará a actuación de Prieto Picado, ás 00.30h tocaralle subir ao escenario a Nito Serrano y Lapurasangre e ás 02.00h tocará Vimbio, o último grupo da noite.
Mañá domingo 2, haberá unha sesión vermú coa actuación do grupo Koi e os grupos locais Roupa Vella e Os Benignos. A sesión comezará ás 13.30 e prolongarase ata que o público e os músicos queiran.
Tamén haberá celebracións patronais en dúas parroquias. Esteiro ten as festas de San Fiz, que comezarán xa hoxe venres cunha sardiñada, a partir das 20.00h, e unha verbena nocturna. Hoxe sábado haberá misa solemne, ás 13.30h, e sesión vermú. A actividade nocturna comezará cunha queimada e verbena a partir das 22.30h e para o domingo quedará unha misa solemne, ás 13.45, e sesión vermú. E na Carballa, en Montoxo, conmemorarán ao seu patrón San Ignacio. Hoxe sábado haberá misa ás 13.30h, con procesión e posterior actuación da Rondalla Cedeira; sesión vermú e verbena nocturna. O programa pecharase o domingo cunha sesión vermú.