Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A ÓPERA STUDIO DE CEDEIRA CELEBRA A SÚA QUINTA EDICIÓN CONVERTIDA NUN FESTIVAL QUE INZARÁ A VILA DE LÍRICA

A Ópera Studio de Cedeira vai celebrar do 8 ao 22 de xullo a súa quinta edición, consolidada como un espazo para a proxección dos novos talentos da lírica e tamén como un territorio fecundo para a formación, a creación e o encontro arredor da música e as artes escénicas. Están xa seleccionadas as 30 persoas que van participar desta volta nunha experiencia que, durante dúas semanas, resoa de diferentes maneiras na localidade de Cedeira.

O Concello de Cedeira respalda un ano máis a iniciativa aportando, entre outros espazos, o aloxamento para todas as persoas participantes no albergue municipal de Corredoira. Este ano as audicións organizadas pola Ópera Studio para seleccionar instrumentistas e voces contaron cunha grande afluencia, de músicos e músicas de diferentes puntos de España e tamén do extranxeiro. Así, serán máis as persoas que participen no programa que as que van tomar parte especificamente na preparación e representación da ópera elixida. Será “Coronis”, unha peza escrita arredor do ano 1700 polo músico español Sebastián Durón, que entretece a mitoloxía clásica coa sátira política sobre o conflito que protagonizaron os Habsburgo e os Borbóns polo goberno de España.

De novo este ano, e avanzando nun camiño emprendido en edicións anteriores, a Ópera Studio vai saír á rúa. Xunto cos ensaios e a preparación de “Coronis”, así como outras actividades de formación que se desenvolverán no Auditorio Municipal, están previstoa unha serie de concertos que fan deste evento todo un festival de lírica. O recital inaugural será o vindeiro día 8 e correrá a cargo dun quinteto de trombóns constituído para a ocasión por músicos cedeireses, ou vencellados a Cedeira, con moi destacadas traxectorias profesionais e que están actualmente en orquestras de primeira liña.

Irán concretándose horas e lugares deste e doutros concertos que terán lugar en diferentes igrexas das parroquias -Piñeiro, Santalla e San Román- así como de varios recitais que se sucederán polo casco vello da vila o 19 de xullo. Ao día seguinte, o 20, está programado tamén un concerto no que se interpretarán arias de ópera co acompañamento da Banda de Música Vila de Cedeira. O 22, o programa remará coa representación da ópera “Coronis” no Auditorio Municipal.

Cómpre destacar que o apartado formativo da Ópera Studio non se cinxe á preparación de “Coronis”. Traballarase na creación e preparación dun repertorio para grupos de cámara, que serán os que tocarán nos recitais polas parroquias. Magna Ferreira e Marcos Vieitez volven facerse cargo da dirección musical e escénica, respectivamente, e no cadro docente estarán tamén Xurxo Varela e Marina García Bouso.

Back to top