Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA CONVOCA ÁS ENTIDADES PARA APOIALAS NA TRAMITACIÓN DAS AXUDAS MUNICIPAIS

O Concello de Cedeira publicou as bases das novas convocatorias de axudas para asociacións socioculturais e clubes deportivo, baixo o réxime de concorrencia competitiva, coas que vai adxudicar un total de 120.000€. Tamén se publicaron no BOP do pasado día 17 as bases das axudas para comisións de festas, un programa dotado con 8.000€ que se repartirán a partes iguais entre as solicitudes que cumpran os requisitos. O goberno municipal incrementou no ano 2023 o orzamento reservado para estes programas, que cumpren un importante papel de apoio ao rico tecido asociativo da localidade, e desta volta organiza unhas reunións informativas coa finalidade de facilitar ás entidades a presentación das súas solicitudes.

A sala de usos múltiples do Polideportivo Municipal acollerá este xoves as sesións nas que se vai apoiar ás entidades na tramitación das subvencións. Ás 11.00h están convocadas as asociacións do eido social e cultural, mentres que as comisións de festas están citadas para as 17.00 e as entidades deportivas ás 18.00h. Desde o Concello recoméndase ás entidades que acudan con ordenador e documentación para preparar a solicitude na mesma reunión.

Como en anos anteriores, cada unha das convocatorias para asociacións socioculturais e clubs deportivos está dotada con 60.000€, que se repartirán en dúas categorías, 45.000€ para o financiamento de actividades e 15.000€ para investimentos en bens inventariables. Proximamente sairá publicado no BOP o extracto das convocatorias, co que se abrirá un prazo de 15 días para a presentación das solicitudes.

As entidades deportivas poden pedir as axudas para cubrir gastos de funcionamento, desprazamentos, contratación de adestradores de outro persoal, seguros e todo o que é preciso no seu día a día. A estes conceptos destinaranse as subvencións na categoría de actividade, mentres que a de investimentos irá para a compra de materiais ou equipamentos de importe igual ou superior a 100€.

Os criterios obxectivos cos que a administración local vai puntuar as solicitudes son a participación feminina e a promoción da igualdade, o fomento do deporte base, o número de federados, a antigüidade do club, o menor importe da cota mensual, a titulación dos técnicos deportivos e presenza de profesionais externos, a organización de eventos, colaboración con outras entidades e tipo de instalacións empregadas.

No caso das asociacións socioculturais, tamén puntúase o fomento da igualdade, a antigüidade da asociación, o menor importe da cota mensual, o desenvolvemento de programas de inclusión social, o número de persoas socias, a organización de eventos, a contratación de persoal, as instalacións de uso, a colaboración con outras entidades, a realización de actividades nas parroquias do ámbito rural e as necesidades de desprazamento por actividades.

No caso da convocatoria para comisións de festas, tamén se abrirá un prazo de 15 días unha vez que saia publicado o extracto das bases no BOP. Son gastos subvencionables a contratación de orquestras, de carpas, os seguros, a realización da cartelería ou os fogos de artificio.

Back to top