O COLEXIO NICOLÁS DO RÍO GAÑA O PREMIO DO CONCURSO DE PÓSCAST DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
A rapazada de segundo curso de Primaria do CEIP Nicolás do Río vén de recibir o premio do VIII Concurso de Pódcast da rede de Bibliotecas Escolares de Galicia, polo seu traballo titulado “Así non! O mundo pode virar”, no que abrazan o espíritu combativo e reivindicativo de Begoña Caamaño, a homenaxeada este ano nas Letras Galegas, e reclaman o fin das inxustizas e as desigualdades. O podcast, gravado na emisora escolar, conta coas voces infantís dos escolares, que se autodenominaron Os Vagalumes, e coas dun grupo de avós e avoas do obradoiro de memoria do Concello de Cedeira. A música tamén é de feitura local: tocan os acordeóns o profesor de música e unha alumna do IES Punta Candieira.
Tal como explica a titora de 2ºB, María Dulcenombre Carro Etchepare, o podcast recolle a través deste coro de voces, novas e veterás, situacións de inxustiza que se producen a día de hoxe no mundo e cuxa denuncia conecta directamente coa vida e a obra de Begoña Caamaño. Os Vagalumes prepararon a escaleta do podcast, que dura cinco minutos, e foron na procura de colaboradores para o programa.
Así, nos títulos de crédito hai que agradecer a música ao profesor Paulo Vicente e á alumna Lara Labraña, do instituto, que acompañan cos seus acordeóns o “Alalá das Mariñas” interpretado polos nenos e nenas. E tamén o coro de avoas e un avó que participan: Alicia Rodríguez Prieto, Rosario Arriví Martínez, Ana Etchepare, Carlos Luengo, Maribel Prieto Fernández, Quelucha González Cal, Magdalena López Sedes, M. Hermesinda Bellón Couce e a profesora do Taller de Memoria, Marta López Villar, que tamén puxo a súa voz no podcast.
En “Así non! O mundo pode virar!” nenos e nenas de oito anos reivindican que moitas persoas, facendo cousas pequenas, poden cambiar as cousas. Tal e como explican no mesmo podcast, fixeron primeiro unha investigación para coñecer a Begoña Caamaño e decidiron logo proxectar a súa voz, a dunha feminista reivindicativa que quería cambiar o rol da muller. O audio percorre diferentes inxustizas que seguen a ocorrer hoxe no mundo, e pregoa a vontade dos locutores e locutoras de darlle a volta a historia. “Imos ler para comprender o mundo que nos rodea e atopar a nosa liberdade”.
O podcast foi emitido na Radio Galega, como o resto gañadores das diferentes categorías, por idades, e pode escoitarse a través deste link: https://www.agalegaaudio.gal/videos/detail/355625-asi-non-o-mundo-pode-virar
Desde o Concello de Cedeira, parabéns aos Vagalumes e a todo o coro de colaboradores que participaron neste traballo.