O CURRO DA CAPELADA VIVIRÁ ESTA FIN DE SEMANA UNHA NOVA RAPA, CO SEU ACTO CENTRAL NA MAÑÁ DO DOMINGO
Os gandeiros da Asociación San Andrés de Teixido Eventos levan xa dúas semanas traballando para reunir os aproximadamente 300 cabalos -contando poldros, garañóns e eguas- que van pasar a vindeira fin de semana polo necesario proceso de desparasitado e corte das crinas. É a tradicional e espectacular “Rapa das Bestas da Capelada”, cuxo acto central desenvolverase o domingo, a partir das dez da mañá, cando os “besteiros” conduzan a toda a manda ata o curro. A festa prolongarase todo o día. Haberá unha carpa con comida -polbo e churrasco- e bebida, así como atraccións para nenos e nenas.
A asociación conta con 40 socios, a maioría gandeiros, homes e mulleres, da zona da Capelada e moitos deles con outra actividade laboral. É esta unha angueira que une a tres xeracións, avós, fillos e netos, e que representa para Cedeira unha tradición na que converxe esforzo colectivo, unión da veciñanza e identidade. Para Miguel Sóñara, o secretario da asociación, é unha tradición viva “porque resposta a unha necesidade”, que é a de proporcionar estes coidados aos cabalos que pastan ceibes pola serra. Ademais, “o cabalo é a primeira liña de protección contra os incendios”, segundo explica o secretario da entidade, porque non deixa crecer a maleza. Fronte a isto, o lobo é a primeira ameaza, xa que ataca aos poldros máis indefensos.
O Concello de Cedeira apoia desde hai anos a celebración desta festa, custeando os gastos da rapa, e o goberno municipal ten acordado coa asociación solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego. O evento, que se preza de ser a tradición máis lonxeva de Cedeira, foi medrando en popularidade nos últimos anos, tanto pola emisión da serie “Rapa”, de Javier Cámara e Mónica López, como pola súa presencia en redes sociais. Desde o pasado mes de abril o Museo Terras de Cedeira, ubicado no Palacete Municipal, acolle unha exposición fotográfica sobre o evento, con imaxes de diferentes autores, así como obxectos relacionados con esta tradición e un audiovisual. O dito museo realizou no último mes varias actividades con nenos e nenas para darlles a coñecer esta tradición.
O programa da Rapa das Bestas da Capelada, que como se sinalaba ten un prólogo de máis de dúas semanas de traballo, comeza oficialmente o sábado, xornada na que se baixan as bestas ata o curro, nun percorrido de sete quilómetros, para facer o reconto, o rexistro e o desparasitado dos animais. Para o domingo queda o momento máis espectacular, ainda que gran parte da tarefa estea xa feita. A partir das dez da mañá os besteiros levan de novo os animais para que entren pola manga ao recinto circular. Alí os gandeiros loitan para agarrar aos cabalos e cortarlles as crinas, nun espectáculo que adoita reunir a numeroso público.
Desde hai uns anos, o desenvolvemento da rapa conta cun “speaker” que vai narrando e explicando o que está a suceder en cada momento. Cómpre apuntar que os besteiros da Capelada contarán de novo coa axuda doutros gandeiros procedentes doutros puntos de Galicia, aos que os de Cedeira tamén van apoiar cando fan o proceso de desparasitado dos seus animais. No programa inclúese tamén este ano un acto en colaboración coa Fundación Adcai, de apoio a Candela Pérez, a xove promesa do surf que sufríu hai uns meses un durísimo accidente de tráfico.
