PROXECTOS DE MELLORA DAS PRAIAS, TURISMO ACTIVO E CINE, OS MÁIS VOTADOS NOS SEXTOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS
A organización de dúas xornadas de limpeza das praias, a mellora do acceso á cala das Sonreiras, actividades de turismo activo e un ciclo de cine na rúa. Son os catro proxectos máis votados no IES Punta Candieira no proceso de Orzamentos Participativos deste ano, e que por tanto serán levadas diante do pleno da corporación o vindeiro día 4 de xuño. As catro propostas máis votadas, e que entraban nos 20.000€ do presuposto municipal reservados á iniciativa, suman un investimento de 19.000€.
Esta sexta edición dos Orzamentos Participativos do Concello de Cedeira involucrou a un colectivo máis numeroso que en anos anteriores. Desta volta tanto o alumnado como o profesorado e o persoal do instituto estiveron chamados a elaborar propostas e votar, aínda que os rapaces e rapazas de 4º da ESO se encargaron de dinamizar o proceso. Chegaron a presentarse 116 proxectos, 109 por parte do alumnado e 7 polo profesorado, que despois pasaron por unha depuración -para refundir aqueles que eran similares, por exemplo- e control parte do persoal municipal, que analizou e seleccionou os que eran tecnicamente abordables.
O centro acolleu o pasado xoves a asemblea de presentación deses proxectos viables, que anteriormente xa estiveran expostos no centro, e o prazo de votación rematou onte. Emitíronse 231 papeletas, unha delas en branco. As restantes repartíronse como segue: 49 para o proyecto de limpeza e mellora do acceso á praia das Sonreiras, valorado en 5.000€; outros 49 votos foron para o proxecto “Turismo activo”, valorado en 8.000€ e que abrangue catro actividades diferentes; 46 para a proposta de Cine na Rúa, cun custo de 4.000€, catro sesións e similar á proposta que saíu adiante na primeira edición dos Orzamentos Participativos, e 22 votos para “As praias limpas”, orzamentado en 2.000€ e que abrangue dúas xornadas de limpeza. Son, por orde, os catro proxectos seleccionados. Dado que a suma dos catro chega a 19.000€, a proposta que se levará ao pleno incluirá aumentar unha actividade ao programa de turismo activo para esgotar os 20.000€ dos Orzamentos Participativos.
Outros proxectos que entraron no proceso foron un parque canino (que tivo 26 votos, pero que suporía saír do orzamento previsto de sumarse aos tres máis votados), un bulder, melloras no skate bowl e as propostas “Cedeira ten memoria” e “Compartindo experiencias: aprendendo dos nosos maiores”.
O proceso de Orzamentos Participativos de Cedeira é unha iniciativa única en Galicia, e referente a nivel estatal pola implicación da mocidade. Cómpre recordar que recentemente, o Concello recibiu unha axuda da FEMP, de 8.000€, para impulsar este programa. O criterio era apoiar proxectos que xeran novas fórmulas de participación, promoven unha cidadanía activa e melloran as capacidades da xente nova para desenvolver actividades e proxectos do seu interese.
A política municipal de poñer nas mans dos mozos e mozas do instituto local o proceso de Orzamentos Participativos, toda una escola de democrativa, está en liña coa creación do CLIA (Consello Local de Infancia e Adolescencia) e coa incorporación de Cedeira á rede de Cidades Amigas da Infancia, todas accións encamiñadas a considerar non só as necesidades da xente nova da localidade, senón tamén as súas demandas e a facerlles partícipes das solucións.