O CONCELLO DE CEDEIRA CELEBRARÁ O VINDEIRO MARTES, DÍA 19, UN ACTO DE HOMENAXE A BEGOÑA CAAMAÑO
O Concello de Cedeira celebrará o vindeiro martes, día 19, o acto das Letras Galegas e de homenaxe á autora Begoña Caamaño. Será na praza da Reitoral, ás 12.30h, e consistirá nunha representación arredor da súa obra “Circe ou o pracer do azul”. Na cita van participar os rapaces e rapazas de 4º da ESO do instituto Punta Candieira. Xa pola tarde inaugurarase o taller de escrita creativa, tamén organizado desde a Concellería de Cultura e inspirado na reinterpretación dos clásicos que fixo Begoña Caamaño.
A representación que se vai facer na praza da Reitoral leva por título “Circe, un amor epistolar” e presenta unha performance da artista Constance Hurlé sobre dita obra. Nela, a escritora homenaxeada nas Letras Galegas reinventou a historia de Circe, a feiticeira, e de Penélope, a esposa. Unha muller agarda desde fai once anos o retorno do marido, que regresa ao fogar logo dunha longa e accidentada travesía. Cando comeza a temer a súa morte, que dá case por segura, recibe a carta dunha descoñecida que lle informa de que o home non faleceu, senón que vive con ela un apaixonado romance. A partir dese momento xorde unha intensa relación epistolar entre ambas, que acabará unindo o seu destino.
Pola tarde inaugurarase o obradoiro de escrita creativa “Reescribir o pasado, empoderar o futuro”, que a Concellería de Cultura programou en tres sesións de dúas horas para o martes 19 e os días 26 de maio e 2 de xuño. O programa, que será impartido por Ánxela Lema e Sara Villar, vai render homenaxe a Begoña Caamaño e á súa obra, na que destaca a mirada feminista, crítica, empoderada e transformadora da literatura.
No curso invitarase ás persoas participantes a reinterpretar mitos clásicos desde ópticas contemporáneas, dando voz a personaxes e historias que tradicionalmente ficaron á marxe. A metodoloxía combinará a análise literaria e a práctica creativa, empregando a escrita como unha ferramenta de pensamento crítico e transformación social.
Chega este obradoiro despois de que o pasado abril se puxera en marcha o curso de escrita creativa “Fala memoria” e de que estea tamén en activo, ata rematar maio, a campaña “Para, colle e le”, coa que cada día se están a regalar libros á veciñanza. As obras que cada mañá se colocan no banquiño da entrada á sala, para que as recolla quen queira, proceden dos procesos de expurgo levados a cabo na Biblioteca Municipal e de doazóns que o centro non ten capacidade para recepcionar por motivos de espazo.