Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ABRE O PROCESO PARA CUBRIR OS CATRO POSTOS DO PLAN DE EMPREGO LOCAL DA DEPUTACIÓN

O Concello de Cedeira publicou as bases reguladoras para a selección do persoal laboral que cubrirá os postos financiados a través do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña. Son, concretamente, tres prazas de peón/peoa e unha de limpador/ra de edificios municipais, que terán xornada completa durante seis meses. Os custos destes catro empregos suman 52.809€ que o Concello vai sufragar en gran parte coa achega de 46.000€ que conseguiu a través do devandito plan provincial.

As bases da convocatoria están publicadas no Boletín Oficial da Provincia de hoxe, 19 de maio, e o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo martes 26 de maio. O programa vai dirixido a persoas que estean inscritas como demandantes de emprego, con preferencia para mulleres maiores de 45 anos ou menores de 30, persoas con discapacidade ou desempregados/as que acrediten, a través dun informe dos Servizos Sociais Municipais, estar noutras situacións de exclusión laboral.

O proceso será por concurso oposición, cunha entrevista persoal, e os criterios de selección están especificados nas bases. Pódense consultar a través deste link: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/05/19/2026_0000003137.pdf

Back to top