O CONCELLO DE CEDEIRA INFORMA DA ACTUALIDADE DO TRABALLO MUNICIPAL NO NÚMERO 32 DE “AS7PARROQUIAS”
O Concello de Cedeira vén de publicar o número 32 do boletín informativo “As7Parroquias”, unha revista na que dá conta das novidades do traballo municipal dos últimos meses e no que sempre hai un espazo para o tecido asociativo. Desta volta, a contraportada da publicación ofrece un resumo da tempada dos clubs deportivos da localidade coa que vai o recoñecemento do goberno local polos seus éxitos nas competicións, nalgúns casos a nivel nacional e internacional, e tamén pola súa labor na promoción de hábitos saudables e de valores como o compañerismo, o traballo en equipo, a igualdade ou o afán de superación entre as novas xeracións.
“As7Parroquias” informa sobre a aprobación dos novos presupostos municipais, que marcan todo un fito ao crecer un 11% respecto ao ano anteriores e alcanzar os 7,6 millóns de euros. A cifra, ademais, viuse incrementada coa aprobación por parte da Deputación da Coruña do Plan Complementario do POS, que suma outros 474.416€ e permite ter consignados xa os fondos para levar adiante outros seis proxectos de investimento.
O boletín dá conta das obras que están en curso e as últimas adxudicacións, como é o caso do proxecto de mellora de once camiños rurais ou a ampliación e posta ao día dos dous parques de xogos da zona de San Isidro, así como dos avances nas actuacións dirixidas a mellorar os recursos para o deporte local, entre as que está a ampliación da piscina, en proceso de licitación con dúas ofertas presentadas, ou o CADE, cuxa construción xa foi contratada.
Nas páxinas de información municipal infórmase do estado da tramitación para cederlle á Xunta de Galicia o chan no que vai facer o futuro Centro de Saúde, co cambio do PXOM xa aprobado no pleno, así como dos permisos obtivos para poñer en valor os restos da fábrica de salgadura de José Soto e o xardín litoral que se vai implementar na liña de costa, tras a rexeneración da Madalenta e despois de chegar a un consenso en diálogo coa veciñanza.
O boletín está colgado na web do Concello para a súa descarga, e estes días repártese en papel polo municipio. Link: https://www.cedeira.gal/boletins-as-7-parroquias/