A FESTA DOS MAIOS VAI INZAR ESTE SÁBADO DE FLORES E MÚSICA EN DIRECTO O CASCO VELLO DE CEDEIRA
O casco vello de Cedeira será este sábado o escenario dunha nova edición da Festa dos Maios na que a música será a auténtica protagonista. O Concello e a Deputación Provincial apoian á asociación Discalzos polo Festival na organización deste evento, no que establecementos hostaleiros e comerciais se implican na elaboración dos adornos florais e na que a música en directo vai inzar de ritmo as rúas Ezequiel López e o Paseo da Mariña. Das 13.00 ás 16.00h, a zona acollerá unha gran sesión vermú coa actuación simultánea de seis grupos diferentes.
Os seis grupos, a maioría de Cedeira, estarán tocando ás portas doutros tantos establecementos hostaleiros. El Puente, A Marieta, a Taberna do Jojó, A Tenda do Jojó, a taberna Praza do Peixe, O Peirao, Lanús, Os Cantís e café bar Pinzón serán os lugares polos que os grupos irán rotando durante toda a festa. Ezequiel López estará cortada ao tráfico, favorecendo a circulación de músicos e xente entre esta rúa e o peonil Paseo da Mariña.
Por outra banda, na tarde deste mesmo sábado 2 de maio, o Auditorio de Cedeira acollerá a xornada “De Santo André a Saint Andrew: Galicia, Escocia e o Mar Céltico a través das súas peregrinacións”, a cargo do xornalista Manuel Gago. A cita será ás 19.00h e na mesma tamén se vai presentar a próxima edición da rapa das bestas da Capelada, que tendrá lugar na fin de semana dos 30 e o 31 de maio.
Manuel Gago Mariño é director de culturagalega.gal, plataforma de divulgación do Consello da Cultura Galega. É tamén profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación e autor de varias novelas e ensaios. Entre estes últimos está o recente “Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega”.
