Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

UNÁNIME RESPALDO DO PLENO DE CEDEIRA AOS PROXECTOS SAÍDOS DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS E DO CLIA

O pleno da corporación de Cedeira aprobou onte por unanimidade tanto as propostas dos sextos Orzamentos Participativos como as do CLIA “Ondinas na Vila”, as primeiras por valor de 20.000€ e as segundas cun custo de 5.765€. Por un lado, executaranse os proxectos de limpeza e mellora do acceso á praia das Sonreiras, o desenvolvemento dun programa de turismo activo e un ciclo de Cine na Rúa, e por outro a organización dunha xornada multideporte e a creación dun mural colaborativo baixo a titoría do coñecido viñetista Luis Davila. “Estamos orgullosos deste proceso -dixo o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil-; Cedeira ten presente e futuro coa nosa mocidade”.

Álvaro Hermida Rodríguez, de 4º de ESO, e Catuxa Moure González, de 2º, encargáronse da presentación dos Orzamentos Participativos. “Comprobamos que demandas foron escoitadas e se levan a cabo”, dixo Álvaro na súa intervención, á que seguiu a de Catuxa: “aprendimos a pensar sobre as necesidades da vila, e que moitas veces as nosas preferencias non coinciden coas da maioría, pero é un aprendizaxe o feito de reflexionar e debater sobre o que é necesario mellorar para a poboación de Cedeira”.

O Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA) “Ondiñas na Vila” levou tamén onte diante do pleno as propostas nas que traballaron ao longo do curso e que finalmente seleccionaron como prioritarias. Así, Enma, Mael, Andrei e Marcos, do CEIP Nicolás do Río, defenderon a organización dunha xornada multideporte, na que poder probar disciplinas como datchball, petanca, baloncesto e futbolín. Será preciso un investimento de 1.300€ para sufragar a participación do Clube Petanca Coruña e a adquisición de tres futbolíns, xa que o resto das actividades desenvolveranse con medios propios. E Pelayo, Xabier, Andrea e Xavi, do IES Punta Candieira e integrantes tamén do CLIA, presentaron a proposta de realizar un mural colaborativo, nunha parede próxima ás pistas de pádel da localidade, para o que se contratará ao viñetista e muralista Luís Davila. O custe desta acción será de 4.465€.

Tanto o proceso dos orzamentos participativos como o funcionamento do CLIA “Ondiñas na Vila” como órgano consultivo, son iniciativas inseridas nunha política municipal que aposta por involucrar as novas xeracións de Cedeira no presente e no futuro do seu concello, dándolles voz para seren non só quen de sinalar as súas necesidades senón tamén para se converter en parte das solucións. Cómpre recordar que o Concello de Cedeira forma parte desde hai un ano da rede de Cidades Amigas da Infancia.

Back to top