Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PREGÓN DAS FESTAS DA PATROA, QUE LERÁ A CORAL EIXIL, ABRE MAÑÁ SETE DÍAS DE TROULA NA VILA DE CEDEIRA

Cedeira inaugura mañá as Festas da Patroa, a traca central dun verán que como é habitual na localidade está ateigado de actividade e eventos de todo tipo desde o pasado mes de xuño. A eclipse, que vai coincidir cunha sesión de Jazz de Ría, vai ser o acontecemento singular deste ano, no que se repite a fórmula de éxito de edicións anteriores: espectáculos para o público familiar, xogos, música e verbenas xunto coas citas ineludibles coa tradición, que son a procesión marítima e a xira de San Antón de Corveiro.

A Coral Polifónica Eixil, unha entidade cuxa historia se remonta a máis de 50 anos atrás, será a encargada este ano de escribir e ler o pregón. A música, tan importante para as xentes de Cedeira, vai ser protagonista no acto tanto pola entidade á que se lle confiou o pregón como pola participación da agrupación de folclore galego Buxainas. A cita será ás 20.00h na praza do Concello. A apertura das festas dará paso, como é habitual, ao Entroido de Verán e á Festa da Escuma, a partir das 22.30h na praza Roxa. Discomóbil CDC porá a música nesta cita.

O mércores 12 é o día da eclipse. Desde o Concello de Cedeira publicáronse unha serie de instrucións para observalo con seguridade, coa recomendación de facelo desde a praia da Madalena. Porén, nesta xornada está prevista a sesión inaugural do ciclo Jazz de Ría e a mistura da música co fenómeno astronómico vai configurar un evento moi singular. O escenario será o emblemático mirador de San Antón de Corveiro, onde a partir das 19.00h pinchará o DJMIL. Ofrecerá unha sesión especialmente deseñada para este momento único. Ás 20.45h, pasada xa a eclipse, actuará Xabier Díaz, un destacado músico cun papel importante na recuperación dos cancioneiros populares galegos, que estará acompañado por Iván Costa coa zanfona; Roberto Grandal ao acordeón e Guillermo Guerrero na guitarra. Tal como se ten informado desde a organización do festival de jazz, como do Concello, o acceso a San Antón de Corveiro só poderá facerse a pé, ou ben nos autobuses lanzadeira do festival, que sairán desde o Paseo Arriba da Ponte desde as 18.30h.

O mesmo mércores pola noite, a partir das 22.30h, celebrarase a primeira das verbenas nocturnas das Festas da Patroa. Será na praza Roxa, coa actuación da orquestra Claxxon. O xoves, día 13, o programa ten moitos atractivos. Desenvolveranse os Xogos Populares, a partir das 17.30h na zona do Paseo da Mariña. Desde hai uns días están publicadas as bases no taboleiro de anuncios do Concello. Nelas establéce o reparto dos 1.000€ en premios que orzamentou o Concello para os equipos que gañen as seis probas previstas: a tirada de corda, as carreiras de ovos, de sacos e de bébedos, a cucaña e a regata de chalanas. É este un evento sempre animado, no que participan moitas cuadrillas de mozos e mozas así como un numerosísimo público.

Tamén o xoves, a praza de Floreal acollerá un espectáculo para todos os públicos. A compañía de circo-teatro Variedades Pistacatro ofrecerá “A contratempo”, a partir das 20.00h. E pola noite, na praza da Revolta, actuarán a orquestra Olympus e o DJ Brunokavi.

Back to top