Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO LICITA A AMPLIACIÓN E REFORMA DO PARQUE INFANTIL DE FLOREAL, CUN ORZAMENTO DE PRETO DE 78.000€

O Concello de Cedeira publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público o concurso para a execución da ampliación e reforma do parque infantil de Floreal, unha actuación cun orzamento de 77.920,06€ (IVE incluído) que se vai financiar integramente a través do programa provincial POS+2026. O recinto, nunha praza con moita afluencia de veciñanza, vai pasar dos 124 metros cadrados actuais aos 201 e vai incorporar novos elementos de xogo e aproveitar os actuais.

Así, o programa previsto abrangue a instalación de dous elementos de xogo grandes e singulares. Por un lado colocarase un xogo para gabear que simulará a torre de vixilancia dun barco pirata, e por outro unha estrutura múltiple imitando a proa e a popa dun barco, cunha escada horizontal entre ambas partes para gabear e randeeiras de diferentes alturas. O parque terá tamén unha randeeira con dous asentos, un deles para bebés, e un balancín válido para o seu uso por parte de nenos e nenas con mobilidade reducida. Sumaranse os xogos actuais -unha randeeira, dous balancíns, un tobogán e unha mesa de picnic-, que serán levantados, acopiados e colocados de novo. Todos os elementos serán certificados, tamén os actuais, por unha empresa homologada.

A obra inclúe a demolición da balaustrada de formigón que actualmente está xunto ao parque e a reutilización do cerramento metálico que o Concello instalou no ano 2022, coa correspondente ampliación para pechar o parque nas súas novas dimensións. Cambiarase tamén o chan do recinto infantil.

Cómpre recordar que este verán remataron as obras de renovación dos dous parques de xogos situados na zona de San Isidro, cun investimento de preto de 247.000€.

Back to top