O CONCELLO DE CEDEIRA RECORDA OS SEUS INVESTIMENTOS NO COLEXIO, QUE VAN MÁIS ALÓ DUN MERO MANTEMENTO
O Concello de Cedeira recorda que nos últimos anos levou adiante diferentes investimentos de mellora das instalacións do CEIP Nicolás do Río por unha suma que supera os 100.000€, máis aló das tarefas de mantemento que son estritamente de competencia municipal. “Cumprimos cos traballos de mantemento das instalacións e tamén acometemos moitas actuacións para dotar ao centro de novos recursos ou condicións máis confortables para as crianzas –explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil-; e non entendemos que a Xunta queira zafar das súas obrigas cargando á administración municipal as eivas estruturais dun edificio con 50 anos de antigüidade”.
Enumerou o alcalde algúns dos investimentos máis importantes feitos polo Concello de Cedeira nos últimos anos: A instalación de dous parques de xogos, un no patio que dá ao Camiño Real e o último no patio de area do colexio (con investimentos de 15.000 e máis de 25.500€ respectivamente), o pago do 50% do chan de caucho que se instalou nun patio cuberto do centro (uns 11.000€), a colocación dun chan de tarima en oito aulas de Infantil para facelas máis confortables (máis de 18.000€), a posta de tarima na nova aula sensorial (máis de 2.500€), pulir a superficie do patio do Areal (preto de 30.000€), a construción dun teito de abrigo no corredor de acceso ao colexio, a transformación dun patio nun horto urbano, a mellora da iluminación e o pulido do solo do polideportivo, a dotación dun desfibrilador ou a adecuación dunha nova zona de xogos que facilitou a separación de grupos durante a pandemia, cando tamén o Concello facilitou máscaras e xel hidroalcólico, entre outros materiais, á comunidade educativa.
Os problemas estruturais que presenta o Nicolás do Río non apareceron neste comezo de curso. Recorda o alcalde que desde o goberno municipal remitíronse numerosas comunicacións á Consellería de Educación para informarlle da situación, que xa a comezos de ano derivara no peche de parte do patio polo risco de caída de cascotes e na existencia de numerosas pingueiras en aulas e corredores. Moreda Gil reclamou “seriedade” á Xunta, “que é a que ten que cumprir as súas obrigas e o seu compromiso, que chegou tarde, no pasado mes de agosto, pero que foi ter resoltas as eivas máis graves para este comezo de curso”.