O CONCELLO DE CEDEIRA PUBLICA A LICITACIÓN DAS OBRAS DA RÚA ORTIGUEIRA E TRES PERPENDICULARES
O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de licitación do proxecto de renovación dos pavimentos das rúas Ortigueira e Ríos Condomiñas, Lamas e Tixón, que ten un orzamento de 130.000€ (IVE incluído) e que se financiará con cargo á segunda fase do POS adicional de 2023. É, segundo explican desde o goberno municipal, unha obra máis que vai servir para eliminar barreiras arquitectónicas e mellorar a accesibilidade no casco urbano, así como para seguir avanzando cara a un sistema de saneamento máis eficiente.
As obras afectarán á Rúa Ortigueira, que discorre paralela ao río Condomiñas, no tramo que vai desde Tixón ata a ponte, así como as tres perpendiculares con nomes de ríos. Son viais cuxas beirarrúas presentan baldosas e bordos deteriorados. A actuación eliminará os diferentes niveis de rasante e permitirá ampliar os anchos das zonas peonís.
Instalarase unha nova rede de recollida de augas pluviais, conectando as baixantes das casas, de maneira que esta obra ampliará a rede separativa de saneamento no municipio. É un aspecto no que se ten realizado un grande esforzo nos últimos anos e no que tamén se adscribe esta obra, que contribuirá a eliminar verquidos ao mar.
A actuación igualará o deseño e materiais coas restantes rúas do casco urbano que se foron renovando nos últimos anos. Unha vez publicado na plataforma de contratación, ábrese ata o 2 de decembro o prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas na execución do traballo. O prazo de execución é de catro meses.