O CONCELLO DE CEDEIRA COMPRA DÚAS PARCELAS PARA COMPLETAR A BOLSA DE SOLO DO NOVO CENTRO DE SAÚDE
O Concello de Cedeira vén de formalizar a adquisición de dúas parcelas lindeiras á de titularidade municipal na que se vai levantar o novo Centro de Saúde, de maneira que vai poñer a disposición da Consellería de Sanidade 3.665 m2 para usos sanitarios. O goberno municipal está a tramitar unha modificación puntual do PXOM que é necesaria para darlle ditos usos aos terreos e que tamén abrirá a porta á urbanización doutros 3.781m2 coa apertura completa da rúa Río da Veiga, conectando Pitilleira e a rúa Deportes e dando paso á creación de 44 prazas de aparcamento.
O goberno municipal comunicou xa a Consellería de Sanidade que se ten realizado dita operación de compra e que se está a tramitar a modificación puntual do PXOM para adecuar a parcela resultante ás necesidades do Sergas, coa intención de proceder a continuación á cesión dos terreos. A Xunta cuantificaba de entrada as súas necesidades en pouco máis de 2.000 m2 construídos e o Concello pon á súa disposición 3.665m2 nos que a planificación vai permitir construír baixo e unha altura.
As dúas parcelas compradas están na rúa Río da Veiga, a continuación da que xa era de titularidade municipal, de 2.517m2, nunha zona céntrica, próxima á estación de autobuses, ao instituto e ao campo de fútbol. Unha delas ten 1.109 metros cadrados de superficie e a compra formalizouse por un prezo de 53.232€. A outra ocupa 464 metros cadrados e o seu custo foi de 22.272€. A suma das superficies en catastro chega a 4.144m2, porén a planificación urbanística representa, na práctica, a devandita superficie de 3.665m2. Desde o Concello, o equipo de goberno agradeceu expresamente a boa disposición das persoas propietarias destes terreos, Raquel e Luis López Mera, para facilitar a súa venda e colaborar nunha operación que en definitiva vai servir para mellorar a calidade de vida na localidade.
A modificación puntual do PXOM que está a tramitar o Concello abranguerá un espazo maior que o que se vai ceder á Consellería de Sanidade. En total, afecta a máis de 7.000 metros cadrados nos que está a parte de usos sanitarios (3.665 m2) e a urbanización da zona incluíndo as 44 prazas de aparcamento (3.781 m2). O Concello prevé así completar a apertura da rúa Río da Veiga creando prazas de aparcamento, beirarrúas e zonas verdes e conectando as rúas Pitilleira e Deportes.
O proxecto da Consellería de Sanidade de construír un novo Centro de Saúde en Cedeira está clasificado como de prioridade 1 no Plan de Infraestruturas do Sergas e contempla unhas instalacións que darán cobertura a un cupo de 6.500 persoas. Serán ata 10.000 no caso do Punto de Atención Continuada, que non só atenderá á xente de Cedeira senón tamén doutros municipios como Valdoviño e Cerdido; e chegarán ata 15.500 os potenciais usuarios no caso do servizo de fisioterapia, que abranguerá a poboación de Cedeira, Valdoviño, Cerdido, Moeche e As Somozas.