Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA CELEBRA O NOVO INVESTIMENTO NA MELLORA DA REDE PROVINCIAL DE ESTRADAS

O goberno local de Cedeira celebra o novo investimento que vai realizar a Deputación da Coruña na mellora da rede de estradas da súa titularidade no municipio. Concretamente, o pleno provincial vén de aprobar o proxecto de mellora da capa de rodaxe da DP 2201 nun tramo de 2,4 quilómetros que vai aproximadamente desde a zona de Vila do Río ata o empalme de Arón coa AC566. Destínanse 158.989€ a esta actuación, coa que vai mellorar a seguridade vial dos vehículos e persoas que transitan por dita estrada.

A actuación vai consistir na renovación da capa de rodaxe ao longo da vía e nas súas beiravías, cunha mestura asfáltica que se vai aplicar en quente e que terá cinco centímetros de espesor.

Previamente rozaranse as cunetas e taludes e despois reporanse as marcas viarias. O prazo de execución da obra, que todavía ten que cumprir co proceso de licitación e contratación, será de tres meses.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou a importancia da execución destes plans de mantemento e mellora das estradas provinciais que leva a cabo a Deputación, “indispensables para ter ao día uns viais que vertebran o noso territorio”.

Apuntou tamén o rexedor que o goberno local sempre está a traballar para trasladarlle á administración provincial as necesidades e prioridades de Cedeira, e recordou, entre as actuacións que a Deputación levou adiante nos últimos tempos no concello, a obra de construción da variante de Rego de Tide, xa case rematada, na que se investiron preto de 400.000€ e que vai mellorar moito a seguridade da circulación cara a San André de Teixido.

Back to top