Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ADXUDICA POR MÁIS DE 272.000€ AS OBRAS DE MELLORA DE 15 CAMIÑOS MUNICIPAIS

O Concello de Cedeira acaba de adxudicar por 272.109,75€ (IVE incluído), á mellor das tres ofertas presentadas, as obras de mellora e acondicionamento de 15 camiños de titularidade municipal que suman 6,7 quilómetros de percorrido polas diferentes parroquias. A actuación, que conta cun plazo de execución de seis meses, é unha das que o goberno local acomete con cargo ao programa POS+2024 da Deputación provincial.

Son 15 camiños de ancho variable, desde os tres ata os 4,5 metros e de lonxitude tamén dispar, desde o máis curto que ten 45 metros de percorrido ata o máis longo, de case 1,7km. Todos presentan un importante deterioro, nalgúns casos acentuado polo paso de vehículos pesados que realizan traballos forestais na zona. O proxecto contempla a limpeza dos viais, a retirada da vexetación, o recheo de fochancas, a adecuación do sistema de drenaxe e a posta dunha nova capa de rodadura.

Os camiños aos que afectarán as obras, cos seus números de identificación, son os seguintes: o de Calvario-Ribeira (480), que é o máis longo; Arrasa (388), Condomiñas (332), Bereixo-Piñeiro (275 e 303), Guilliade-Casaldegonce (675 e 690), Sisalde Maior (538), San Miguez de Sisalde (481), Lugar Campo Cruz (227), As Bieiteiras (928), As Filgueiras-O Rego (926), Lugar Torno (959), Purrey-Sedeás (1002) e Liñares-Portovello (898).

Back to top