Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CENTRO DRAMÁTICO GALEGO LEVARÁ AO AUDITORIO DE CEDEIRA O VINDEIRO DÍA 10 A PEZA “TERCEIRO ACTO”

Cedeira é unha das sete localidades en Galicia nas que se vai deter a nova xira do Centro Dramático Galego. O vindeiro día 10, ás 19.00h, a compañía vai representar no Auditorio Municipal a obra “Terceiro acto”, na que cinco actores e actrices dialogan sobre a senectude, sobre o que xa viviron e loitaron, da súa experiencia no teatro, do seu legado e do que lles queda por facer dentro e fóra do escenario. As entradas están xa á venda ao prezo de 5€ e poden reservarse enviando un mail a enrique.vazquez@cedeira.gal ou a través do WhatsApp ao número 649 876 614.

“Terceiro acto” foi unha peza estreada polo Centro Dramático Galego en 2021 e que volve agora aos escenarios para realizar a xira que frustrou a pandemia, inserida na celebración do 40 aniversario da compañía teatral pública.
Achégase así a Cedeira unha obra creada e dirixida a dúas mans por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez e definida como unha homenaxe á xente maior. César Cambeiro, Belén Constenla, María Costas, César Goldi e Fernando Morán protagonizan a peza, na que interpretan a un grupo de actores e actrices veteráns que se xuntan nunha noite para vivir a que podería ser a súa derradeira aventura escénica.

Volve con este “Terceiro acto” a Cedeira o Centro Dramático Galego, que no ano 2022 tamén elixiu a localidade para facer parada e ofrecer catro funcións da obra “As oito da tarde, cando morren as nais”.

Back to top