O CASTELO DA CONCEPCIÓN ABRIRÁ EN AGOSTO DE MARTES A SÁBADO, CON VISITAS GUIADAS GRATUÍTAS
O Concello de Cedeira abrirá ao público o Castelo da Concepción durante o mes de agosto, de martes a sábado, entre as 12.00 e as 19.00 horas. A entrada a este fortín levantado pola propia poboación da vila no século XVIII será gratuíta e as persoas que o desexen poderán participar, tamén de balde, nas visitas guiadas que haberá cada día ás 18.00 horas.
O Castelo da Concepción dá testemuño do interese defensivo que históricamente tivo a península do Sarridal de Cedeira. Construiuse no século XVIII, a raíz dun ataque da frota inglesa, cuxos soldados chegaron a desembarcar na praia das Sonreiras e saquear a ermida de San Antonio de Corveiro. Co diñeiro que chegou do rei Fernando VI e materiais doados pola Armada, a veciñanza levantou o fortín en poucos meses. Na actualidade garda unha mostra sobre a historia de Cedeira nos séculos XVIII e XIX, así como unha colección de obxectos atopados na escavación do Castro Sarridal, situado moi preto e no que tamén se descubriron fortes murallas defensivas da época castrexa.
Desde o Concello de Cedeira informan de que durante o mes de agosto a Oficina de Turismo abrirá de 09.00 a 20.30 horas de luns a venres, en horario ininterrumpido, e os sábados de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. Os domingos de agosto, así como o festivo do día 15, estará pechada.