“ARGALLEIROS” E “CAROCHAS” LEVAN OS PREMIOS DE COMPARSA E GRUPO NO DESFILE DE ENTROIDO DE CEDEIRA
A comparsa “Os Argalleiros” levou o primeiro premio da súa categoría no desfile de disfraces de Cedeira, no que tamén gañaron “Os Carochas”, na sección de grupos de tres a nove persoas. Desde o goberno local destacouse o bo humor, a creatividade e o espíritu de troula co que tanto os participantes como o público desafiaron o frío na tarde do sábado e abriron o programa festivo de Entroido.
Así, na categoría de comparsas, con seis agrupación de máis de dez persoas, levaron premio “Os Argalleiros”, “Nanuk del Norte” e “Los Infieles”. Na de grupos, con seis inscritos, foron recoñecidos “Os Carochas”, “Cedeira Mariñeira” e “As Caralletas”. Na sección de parellas o premio foi para Katrin e Katrina, e na individual houbo empate entre “Annibal” e “Guerrero Nórdico”. A asociación Apader levou o premio creado para entidades e o da mellor carroza foi para a de “Los Infieles”. En total, o Concello repartiu 5.200€ en premios.
O programa de Entroido, que na noite do sábado e tras o desfile de disfraces viviu unha animada verbena, continuou o domingo con xogos e obradoiros para a xente miuda baixo a mesma carpa. A festa continua hoxe cunha nova verbena organizada polo Concello e que amenizará a orquestra Origen, a partir das 23.30h. Para mañá, o programa prevé unha tarde de xogos inchables e obradoiros no Polideportivo Municipal, con entrada de balde e de cinco a oito.
Xa o mércores, como colofón ao programa de Entroido, celebrarase o tradicional enterro da Sardiña, un percorrido ao que a veciñanza acode de loito para despedir a festa.