Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A BIBLIOTECA MUNICIPAL AGASALLA CADA DÍA CON LIBROS A VECIÑANZA, ATA FINAIS DE MAIO, PARA FOMENTAR A LECTURA

O Concello de Cedeira celebra en abril e maio a campaña “Para, colle e le”, para o fomento da lectura, co gallo do Día do Libro. Xa está en marcha a iniciativa, que consiste en invitar á veciñanza a acudir á Biblioteca Municipal López Cortón e levar para casa algún dos libros que se van depositar cada día no banquiño da entrada. Desde a Concellería de Cultura recordan que o horario da biblioteca é de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00h e os sábados de 10.00 a 13.00h.

As obras que se están a repartir proceden dos procesos de expurgo levados a cabo na Biblioteca Municipal e de doazóns que o centro non ten capacidade para recepcionar por motivos de espazo.

Tamén arredor do Día do Libro, o vindeiro 22 de abril a biblioteca de Cedeira vai acoller a proxección do documental “A rebelión da lectura” e o coloquio posterior coas súas directoras, Asun G. Losada e Alma Alonso. A película fala da experiencia do proxecto Espazo Lectura, nado hai vinte anos en Val Miñor, e do seu éxito inspirador no fomento lector. A cita será ás 17.00h.

Por outra banda, o vindeiro venres remata o prazo para inscribirse no curso de escritura creativa “Fala memoria” que se vai celebrar na Biblioteca Municipal López Cortón os días 23 e 30 deste mes e o 14 e 28 de maio, de 17.00 a 18.30h. O programa vai ser impartido pola escritora, guionista e realizadora audiovisual Alicia Freire Vera, e terá un enfoque práctico, orientado a aprender a tirar do fío da memoria para construír un relato. Todavía quedan prazas dispoñibles.

Back to top