CONCELLO E VECIÑANZA DA ZONA VELLA TERÁN UNHA NOVA XUNTANZA AO REMATE DO ESTUDO SOBRE O PAVIMENTO
Entre 60 e 70 veciños e veciñas da zona vella de Cedeira acudiron na tarde deste martes á reunión informativa convocada polo Concello para abordar a situación do pavimento e explicar as medidas que se están a adoptar. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou o clima de cordialidade no que se desenvolveu o encontro, no que se acordou voltar facer unha nova xuntanza cando estea rematado o informe diagnóstico que está a realizar o Centro Tecnolóxico do Granito.
Cómpre recordar que a obra de pavimentación da zona vella de Cedeira se realizou en 2009 e 2010 e que desde o primeiro momento presentou problemas. Despois de tantos anos realizando reparacións puntuais e colocando baldosas que volven romper ou levantarse, o actual goberno municipal decidiu buscar asesoramento experto para analizar as causas do problema e adoptar unha solución que sexa definitiva. Moreda Gil remarcou unha vez máis na reunión que o Concello comprende as demandas da veciñanza e é consciente dos inconvenientes que o mal estado do chan representa para a xente que transita por el, en especial para as persoas maiores.
Nuria Sánchez Delgado, directora del Laboratorio de Pedra do Centro Tecnolóxico do Granito, encargouse de explicar ás persoas presentes o traballo que está xa en marcha. Segundo recordou, en abril e maio pasado realizáronse xa as primeiras visitas e catas para identificar os problemas que presenta o pavimento. A partir desas primeiras visitas elaborouse unha primeira nota técnica para que o Concello poida acometer da mellor maneira as reparacións que poidan resultar urxentes, e acordouse a realización dun estudo pormenorizado que clarexe a orixe dos problemas e permita determinar a súa solución definitiva. Realizarase, tamén, un estudo concreto sobre a seguridade frente a esvaramentos.
A reponsable do CTG explicou tamén a cronoloxía das actuacións. Xa comenzaron na zona vella a realizarse algunhas probas sobre a seguridade ante esvaramentos, porén nas vindeiras semanas realizaranse catas. Presentouse un mapa do detalle dos puntos nos que se van realizar. Posteriormente o CTG tamén terá que realizar probas e ensaios no laboratorio.
Abriuse a continuación a quenda de intervencións da veciñanza, coa que os responsables municipais estableceron un diálogo directo e moi cordial, e acordouse convocar unha nova xuntanza cando estean listos os resultados do traballo técnico. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que virá necesariamente despois o estudo de costes da solución a adoptar, pero subliñou que resolver definitivamente esta cuestión é unha prioridade.