O NÚCLEO DE TEIXIDO ALICERZA O SEU POTENCIAL TURÍSTICO NUN VERÁN NO QUE RECIBIU CASE 50.000 PERSOAS
O pequeño núcleo de Santo André de Teixido alicerza ano a ano a súa importancia como destino turístico dentro da tendencia positiva que a declaración do Xeoparque Cabo Ortegal supuxo para o conxunto do territorio. O sistema de control de afluencia que o Concello de Cedeira ten funcionando desde decembro de 2024 revela que deste dito mes ata finais de agosto acudiron á aldea máis de 94.000 visitantes, case 50.000 deles en xuño, xullo e agosto. A iniciativa do goberno municipal de situar alí un punto de información turística permanente e de ofrecer visitas guiadas bonificadas reforzou o atractivo deste pintoresco lugar, o segundo punto de peregrinación en importancia en Galicia despois de Compostela.
Foron un total de 94.011 as persoas, estimadas polos sensores situados en diferentes puntos de San Andrés, que se achegaron entre decembro de 2024 e agosto de 2025 ao núcleo de Teixido. Os meses de máis afluencia foron xuño, con 12.677; xullo, 32.489, e agosto, 37.390. Fíxose tamén un reconto dos vehículos que chegan ata a aldea de San André: 6.317 en xuño; 11.809 en xullo e 18.592 en agosto.
Os datos e as impresións recollidas por Sergio Muíño, o responsable do proxecto “Eu fun de vivo” corroboran o auxe deste enclave con apenas 45 habitantes de poboación estable. Durante todo o verán, o Concello apoiou a apertura da caseta de información turística que este axente ten na entrada ao núcleo de Teixido, así como a realización de visitas guiadas diarias ao prezo bonificado de 2€. Preto do 56% das persoas que acuden a coñecer a aldea son nacionais -destacan Valladolid e Madrid nos puntos de orixe-, mentres que o 33% proceden de Galicia e un 10% de fóra de España -máis do 60% destes proceden de Alemania e Francia-.
Muíño sinala que o punto de información turística “é un punto de inflexión na xestión do destino”, xa que por un lado “as consultas e as visitas axudan a poñer en valor o patrimonio e a revalorizar este santuario de peregrinación”, ao tempo que se fai un estudo constante das necesidades e os intereses dos turistas.
Arredor dunhas 300 persoas participaron nas visitas guiadas a Santo André, e outras 200 aproximadamente acudiron aos percorridos que tamén Sergio Muíño guiou por outros puntos do municipio de Cedeira, desta volta a través do seu proxecto “Destino Cedeira” e tamén contando co apoio do Concello. Así, durante o verán realizáronse tres percorridos diferentes: “Cedeira e o mar”, un paseo polo patrimonio mariñeiro e a identidade pesqueira do pobo; “Murales atlánticos”, unha volta polo arte urbano que permite descubrir algúns lugares habitualmente pouco transitados pola xente de fóra; e “Cedeira: música e arte”, no que se explica a singular vida musical e artística que ten a localidade.
Un verán máis estivo tamén en marcha o programa De Ruta, saídas de sendeirismo guiadas pola empresa local de turismo activo Portal Norte. A proposta desenvolveuse a través de 29 saídas -programáronse 34, pero o resto suspendéronse pola meteoroloxía- por sete itinerarios diferentes, nas que participaron preto de 400 persoas. Pepe Breijo, o responsable do programa, comenta que a resposta este ano foi estupenda, con moita afluencia e algúns grupos que superaron as 40 persoas. A ruta con máis demanda foi a do río Condomiñas, comenta o emprendedor, que destaca o ben que o pasa a xente cando vai a unha destas saídas, todas de baixa dificultade, incluso para a xente da propia Cedeira, que descubre detalles novos en roteiros xa coñecidos e que mesmo fai novas relacións sociais.
As cifras da campaña turística complétanse coa afluencia á Oficina de Turismo, que recibiu 1.546 persoas en agosto e 517 en setembro. O castelo da Concepción recibiu 2.020 visitas en agosto e 641 en setembro.