CEDEIRA INAUGURA O NOVO MERENDEIRO NO PARQUE DE SAN ISIDRO, FROITO DA PARTICIPACIÓN INFANTIL E ADOLESCENTE
Na mañá de hoxe tivo lugar a inauguración dun novo merendeiro no parque de San Isidro, en Cedeira, unha iniciativa que nace da voz das nenas e nenos do CEIP Nicolás del Río, recollida a través do Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA) e do seu grupo de participación Ondiñas na Vila. Os propios nenos e nenas que forman parte deste órgano consultivo foron os encargados de descubrir a placa conmemorativa, na que se fai alusión á súa iniciativa de crear un espazo para “compartir, convivir e desfrutar en comunidade”, e de cortar a cinta inaugural.
O proxecto forma parte do I Plan de Infancia e Adolescencia de Cedeira, un documento estratéxico que busca impulsar políticas locais pensadas desde e para a mocidade. A proposta do merendeiro xurdiu directamente do alumnado representante, que sinalou a importancia de contar con máis espazos de encontro ao aire libre, seguros e accesibles, para gozar do tempo libre en compañía.
Con esta actuación, o Concello de Cedeira reforza o seu compromiso coa participación activa da infancia e da adolescencia na vida pública, recoñecendo o dereito das persoas máis novas a opinar e ser escoitadas sobre as cuestións que lles afectan.
A inauguración celebrouse contando coa presenza do alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Nicolás del Río, que fixo a súa primeira merenda no novo espazo, así como con representantes políticos e veciñanza, nun encontro no que se subliñou o poder transformador da participación infantil e adolescente na mellora da vida comunitaria.