Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

HISTORIAS POPULARES E MÚSICA DE ARPA PECHARÁN ESTE SÁBADO O PROGRAMA CANTOS E CONTOS AO SOLPOR

O ciclo Cantos e Contos ao Solpor do Concello de Cedeira chega este sábado ao seu fin coa función que se desenvolverá na vila, na praciña do Pazo de Moscoso, a cargo de María da Pontragha e Bleuenn Le Friec. Co seu espectáculo “Contos… entre cordas”, remata un programa que cada mes de setembro marca o paso do verán ao outono na localidade e que viaxa polas parroquias, desta volta polas de Santalla, San Román e Régoa. De novo, a última cita será de entrada libre e gratuíta, ás 20.00h. En caso de choiva, trasladarase ao Auditorio Municipal, co mesmo horario.

María da Pontragha e Bleuenn Le Friec son dúas mulleres que combinan a narración oral, a cargo da primeira, coa música da arpa, da segunda, nunha combinación que procura amosar os vínculos entre as tradicións galegas e o repertorio da arpa clásica. Así, entre contos e cordas, irán enfiando historias e música.

María da Pontragha é o alcume de María Iglesias, unha educadora e antropóloga que dende sempre mantivo un vínculo moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en si. No 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose na recuperación e actualización das historias populares e de tradición oral e cun gusto especial polas historias que se centran nas mulleres do país. É ademais percusionista e vocalista nos grupos Bouba e Lévedo, e vocalista no grupo Sacha na horta.

Bleuenn Le Friec, orixinal da Bretaña, reparte o seu tempo entre a docencia e a interpretación. Toca regularmente como arpista invitada con diversas orquestas (Real Filharmonía de Galicia, Orquesta Sinfónica de Galicia, Gran Teatre del Liceu, Orquesta Nacional de España, Ensemble Intercontemporain…). Forma parte do dúo de frauta e arpa Duo Finisterrae e é cofundadora do ensemble de cámara Natalia Ensemble. Paralelamente colabora con diversos músicos do panorama da música tradicional galega como Zumaque, Carlos Núñez, Uxía ou Xoan Curiel.

Na axenda desta fin de semana en Cedeira están tamén as festas en honor de San Cosme, na parroquia de Piñeiro. O programa dará comezo mañá venres, cunha churrascada a partir das 21.00h e unha verbena a continuación amenizada polo Dúo Estrellas e o grupo Olympus. O sábado 27 haberá misa solemne cantada pola coral Eixil e procesión acompañada pola banda de Buxainas. A sesión vermú será amenizada polo Dúo D’Vicio, que tocará tamén na verbena nocturna, xunto coa orquestra Origen. Ás doce da noite haberá unha tirada de fogos de artificio. O cartel do domingo 28 comezará con misa, cantada pola coral Virxe do Mar, e procesión acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. O programa rematará cunha sesión vermú na que actuará a artista Almudena.

Desenvolveranse tamén entre mañá e pasado as dúas últimas visitas guiadas impulsadas polo Concello de Cedeira na campaña turística de verán da man da iniciativa local Destino Cedeira. Así, mañá venres ás 17.00 ofrecerase o percorrido “Cedeira e o mar” e o sábado, ás 11.00h, o de “Murais atlánticos”. As persoas interesadas poden inscribirse de balde a través do número de teléfono 660 058 348.

Back to top