Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A BIBLIOTECA MUNICIPAL LÓPEZ CORTÓN CREA UN PUNTO LECTOR SÉNIOR NO CENTRO DE MAIORES DO AUDITORIO

A Biblioteca Municipal López Cortón de Cedeira vén de dar un novo paso no compromiso de achegar a cultura a todos os cedeireses e cedeiresas coa posta en marcha do Punto Lector Sénior “Rapetando historias” no segundo andar do Auditorio Municipal, no que está o Centro Sociocultural ao que adoitan ir moitas persoas maiores. O proxecto quere promover un acceso máis próximo, inclusivo e igualitario á lectura, facilitando o acceso aos libros e aos recursos da biblioteca ás persoas que poidan ter dificultades para desprazarse ata a súa sede habitual.

A elección do nome “Rapetando historias” responde á vontade de vincular a iniciativa coa identidade cultural, mariñeira e emocional de Cedeira. A rapeta, unha arte de pesca de arrastre, forma parte da memoria colectiva e representa unha tradición baseada no esforzo compartido, na colaboración e na unión de moitas persoas arredor dunha tarefa común. Valores que tamén están presentes na esencia do proxecto.

Por iso, “Rapetando historias” é unha metáfora que une a biblioteca, o traballo colectivo da rapeta e a memoria viva de Cedeira. Do mesmo xeito que moitas mans tiraban xuntas da rede, o proxecto quere sumar esforzos para achegar libros, compartir experiencias e manter vivas as historias que forman parte da identidade local. A imaxe tradicional da rapeta, recollida no cartel do proxecto, reforza esta conexión coa nosa historia e co patrimonio cultural da vila.

Esta iniciativa tamén quere recoñecer o valor dos nosos maiores como transmisores de coñecementos, vivencias e tradicións que merecen ser preservados e compartidos entre xeracións. Achegarlles a biblioteca é unha maneira de facilitar o seu acceso á cultura e, ao mesmo tempo, de poñer en valor a súa memoria como parte esencial do patrimonio colectivo de Cedeira.

O novo punto lector é un avance cara a unha biblioteca máis próxima, accesible e aberta á cidadanía, capaz de adaptarse ás necesidades das persoas e de estar presente alí onde máis se precisa. Porque achegar a cultura é tamén crear comunidade, recoñecer a nosa memoria e garantir que todas as persoas teñan a oportunidade de seguir descubrindo, aprendendo e compartindo historias.

Back to top