O CONCELLO DE CEDEIRA CONTRATA A AMPLIACIÓN E REFORMA DA PISCINA MUNICIPAL POR MÁIS DE 586.000€
O Concello de Cedeira adxudicou por 586.850€ (IVE incluído) a obra de ampliación e reforma da piscina municipal, actuación que se vai facer realidade a través do convenio de colaboración suscrito o pasado decembro entre o goberno local e a Deputación da Coruña. A administración provincial aporta o 50.95% do orzamento e a local o 49,05% restante. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, sinalou que é un paso máis para ver cumplida a vella aspiración de contar cunha piscina de 25 metros, “unha dotación á altura da cantidade de persoas que en Cedeira practican a natación e da calidade das deportistas e dos deportistas do Club Natación Cedeira, cuxo alto nivel precisa dun vaso coas condicións axeitadas”.
A piscina actual ten 16 metros de longo e vai crecer pola fachada leste. O vaso actual, de 16,2×8,3m, pasará a ter 25×11,6m, e toda a instalación mellorará tamén en superficie de praia e na eficiencia enerxética. Construiranse novos muros que sustentarán unha renovada cuberta e a fachada do lado leste será de vidro illante, que permitirá o paso da luz natural. A instalación terá novos equipos de depuración de auga, renovación de aire e iluminación.
Cómpre recordar que a piscina municipal de Cedeira ten preto de 35 anos de antigüidade. Inicialmente, o goberno municipal aspirou a construír unha nova instalación, e de feito houbo un acordo unánime da corporación, a comezos de 2023, a favor de procurar a colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación.
Pero o Concello non obtivo resposta da administración autonómica, polo que se optou por xestionar a ampliación contando co apoio da Deputación. O Concello consensuou no seu momento o proxecto co Club Natación Cedeira. A entidade que preside Xan Suárez ten máis de 230 licencias e está a acadar cada vez máis e maiores éxitos deportivos. O Concello de Cedeira quere impulsar ao club e a todos e todas as súas deportistas mellorando as infraestruturas.
O prazo de execución da obra de ampliación da piscina é de sete meses.