O CONCELLO DE CEDEIRA INSTALA DESDE MAÑÁ ATA O VENRES TOBOGÁNS ACUÁTICOS XIGANTES NA PRAZA DA REVOLTA
A chegada dos tobogáns xigantes é xa un clásico no verán de Cedeira. O Concello volve un ano máis, desde mañá ata o venres, a instalar estes elementos inchables na praza da Revolta para que pequenos e maiores poidan esvarar e divertirse con esta atracción de xeito gratuíto. O vindeiro domingo, 2 de agosto, estarán na praia de Area Longa.
Os tobogáns xigantes estarán atendidos por monitores e as persoas que o desexen poderán inscribirse gratuítamente ao pé dos mesmos para seguir a quenda e lanzarse por eles. Funcionarán mañá martes pola tarde, de 16.30 a 20.00h, e de mércores a venres en horario de mañá e de tarde, de 11.30 a 14.00h e de 16.30 a 20.00h. Ao igual que en anos anteriores, haberá tres tobogáns de diferentes tamaños para que poidan escorregar por eles tanto persoas adultas como nenos e nenas.
O domingo, segunda xornada da Festa do Percebe, haberá atraccións na praia de Area Longa. Alí funcionarán inchables terrestres e acuáticos, e pequenos e maiores poderán apuntarse tamén para empregar os kayaks que estarán a disposición do público. Neste caso, o horario será de tarde, de 16.30 a 19.30h.
Por outro lado, este martes comeza o programa de Cine na Rúa que se organizou no marco dos Orzamentos Participativos 2026. Ás 22.00h na praza Roxa proxectarase “El 47” e o ciclo continuará o xoves, día 30 de xullo, co pase da película “The Wild Robot” no mesmo lugar. Os días 10 e 18 de agosto están previstas outras dúas proxeccións do mesmo ciclo, das películas “Wolfgang” e “Lilo y Stitch”.