Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CEDEIRA PREPÁRASE PARA 17 DÍAS DE FESTA CON ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

O Concello de Cedeira xa ten pechado o programa das Festas de Verán, que se desenvolverán desde o 1 ao 17 de agosto cun amplo programa que inclúe música, deporte, teatro, actividades infantís e as tradicionais procesións na honra da Patroa, a Virxe do Mar.

O pregón deste ano correrá a cargo da Coral Polifónica Eixil, que estará acompañada da asociación cultural Buxainas. As dúas agrupacións tradicionais cedeiresas serán as encargadas de marcar o inicio oficial das festas o martes 11 de agosto ás 20:00 na praza do Concello, aínda que haberá actividades previas como o xa consolidado Discalz@s polo Festival (1 e 2 e agosto na praza

Floreal), a Semana Infantil (do 3 ao 7 de agosto), a tradicional carreira popular e a XXVIII Travesía a Nado.

Tras a lectura do pregón, o mesmo día 11 terá lugar o Entroido de Verán, a partir das 22:30 na praza Roxa, seguido da Festa da Escuma amenizada por Discomóbil CDC.

O mércores 12, dentro do ciclo Jazz de Ría, poderase gozar das actuacións de DJMIL (19:00) e Xabier Díaz (20:45), as dúas na ermida de Santo Antón do Corveiro. Esta data sinalada incluirá a observación do eclipse solar desde o espectacular miradoiro no que se sitúa a capela.

Ao día seguinte, o 13, haberá xogos populares a partir das 17:30 no paseo da Mariña e na praia da Madalena, para dar paso ás 20:00 ao espectáculo de circo-teatro en formato cabaret “A contratempo”, de Variedades Pistacatro. A xornada rematará cunha verbena que comezarás ás 23:00 na praza da Revolta e na que actuarán a orquestra Olympus e Brunokavi DJ.

O teatro e o circo volverán ser protagonistas o venres 14 coa peza “Nudo”, de Rojo Telón, ás 20:00 na praza do Floreal, e a música de verbena soará desta volta na praza Roxa coas orquestras Origen e New York a partir das 22:30.

O 15 de agosto é unha data clave do programa, o Día da Patroa. Ás 12:00 celebrarase unha misa cantada pola coral Eixil, á que seguirá unha procesión acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. Esta mesma agrupación ofrecerá un concerto ás 13:30 na praza Roxa. Xa pola noite, ás 22:30, subirán a este mesmo escenario Fania Blanco Show e a orquestra Marbella e á media noite celebrarase unha sesión de fogos de artificio tras a que continuará a verbena.

Ao día seguinte, o 16, a procesión da Patroa realizarase por mar, despois da misa que comezará ás 11:00 e contará co acompañamento da Banda de Música Vila de Cedeira. Pola noite, desde as 21:30, a praza Roxa volverase encher de música con algúns dos artistas galegos máis representativos do momento. Maneiro, Alana con Lina e Lola e 9Louro farán de Cedeira punto de encontro dos moitos seguidores e seguidoras destes músicos que, desde os seus diferentes estilos, reivindican o idioma galego.

O programa festivo rematará o luns 17 de agosto co Día da Xira e a subida ao monte de Santo Antón de Corveiro para gozar dunha xornada de música, xantar e confraternidade ao aire libre. A verbena da orquestra Triunfo a partir das 22:30 na praza Roxa despedirá unhas festas pensadas para todos os gustos e idades que contribúen a facer de Cedeira un referente do verán.

O alcalde, Pablo Moreda, destacou que estas festas, das máis importantes e sentidas de Cedeira, son días nos que tradición, devoción e convivencia se unen para render homenaxe á Patroa e para poñer en valor “a fonda vinculación do noso pobo co mar”. O goberno local desexa que tanto a veciñanza como as persoas que visitan Cedeira durante estas datas “gocen dunhas festas cheas de participación, alegría e respecto, compartindo xuntos o orgullo de pertencer a unha vila cunha identidade mariñeira única”.

Back to top